Un grupo de docentes inspírase na Palabra do Día do Portal das Palabras para debuxar o Outubro de Tinta

O artista estadounidense Jake Parker creou en 2009 Inktober, un desafío para os profesionais e afeccionados ao debuxo que leva unha década enchendo as redes sociais cada mes de outubro de imaxes, desde 2016 baseadas nunha listaxe de 31 palabras en inglés. A iniciativa atopa agora réplica en galego a través do colectivo docente Galiza Visual, e faino tomando como fonte de inspiración a Palabra do Día do Portal das Palabras, a web da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a divulgación e modernización do léxico da nosa lingua. O Inktober converteuse así no Outubro de Tinta, unha oportunidade para afondar no chamado pensamento visual, un concepto que comprende diversas técnicas para a expresión en imaxes da información con propósitos pedagóxicos. A proposta é ademais unha ocasión para visibilizar o galego nesta experiencia internacional. O profesorado promotor anima a todo o público a sumarse á iniciativa compartindo nas redes sociais ilustracións para a Palabra do Día cos cancelos #outubrodetinta e #inktober2019.

A Palabra do Día adoita ter unha unidade temática semanal (as festas do San Froilán e a celebración do Día Mundial do Correo nesta primeira metade do mes) e cada termo acompáñase non só da definición para a acepción en cuestión que recolle o Dicionario da Real Academia Galega. Tamén indaga nas súas orixes e ofrece exemplos de uso tirados de obras da nosa literatura que engaden elementos inspiradores para as persoas que desexen participar no #outubrodetinta. O Portal das Palabras ofrece ademais xogos interactivos, vídeos e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno, e organiza desde 2014 a elección da palabra do ano no noso idioma.

O profesorado de Galiza Visual está a amosar a través do Twitter as súas propias creacións baseadas na Palabra do Día, pero a parte máis importante é a que fica polo momento dentro das súas aulas. "Esta experiencia permite expresar a creatividade de cadaquén, pero é tamén unha estratexia lingüística para dar atención á diversidade orque achega conceptos máis ou menos coñecidos co gancho que ofrece o compoñente visual", explica Diana Pastoriza, unha das oito persoas do mundo do ensino que constitúen Galiza Visual (@GZVisual).

Adaptable a calquera nivel e diversos propósitos
O colectivo naceu hai uns meses cunha teima en común. "Coñecémonos sobre todo a través da Rede polo traballo que cada un de nós desenvolve sobre o pensamento visual. Cadaquén aplícao ao seu campo dun xeito diferente. Hai quen o basea no debuxo, outras persoas lévano máis cara aos mapas conceptuais ou visuais, ou emprégano como apoio á expresión oral... En Galiza Visual hai docentes de primaria, secundaria, FP ou, como é o meu caso, de escolas de idiomas. Hai tantísima variedade que cada un o adapta ao que precisa o seu alumnado", engade Diana Pastoriza, que nestes momentos traballa no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI).

Esta profesora de inglés asegura que non sabe debuxar porque, ao contrario do que poida parecer, para tirar proveito do pensamento visual non hai que ter unha habilidade especial no manexo dos lapis e da tinta. Ela, por exemplo, emprega os chamados apuntamentos visuais para resumir conferencias e para facilitar o labor de interpretación entre linguas. María Souto, mestra de educación física nestes momentos vinculada tamén ao CAFI, emprégaos nunha área na que sempre houbo costume de esquematizar exercicios e xogos a través do debuxo; e Olga Patiño, mestra de primaria no CEIP Manuel Fraga de Cariño, utilízaos para que o seu alumnado afonde nos conceptos chave, a atención e mesmo a ortografía, e salienta que o pensamento visual é unha ferramenta fundamental para traballar a inclusión.

Canda elas tres forman parte de Galiza Visual Isabel Barcón e María Blanco, docentes de lingua galega no IES María Sarmiento (Viveiro) e no CPI de Zas, respectivamente; David González Gándara, orientador do CEIP Nosa Señora das Dores (Forcarei); Francisco Jaureguizar, profesor de debuxo do IES Ramón Menéndez Pidal (A Coruña); e María Pereiro, profesora de formación e orientación laboral no CIFP Manuel Antonio (Vigo).