Un calendario cheo de propostas festexará a Antonio Fraguas e a lingua e a cultura popular

O Museo do Pobo Galego, o gran proxecto ao que dedicou as últimas décadas da súa vida Antonio Fraguas (Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999), foi o espazo elixido para a presentación conxunta dunha morea de propostas variadas coas que distintas entidades lle renderán homenaxe ao intelectual co gallo do Día das Letras Galegas que este ano lle dedica a Real Academia Galega. O documento que recompila as accións pode consultarse nesta ligazón.

Os intervenientes na presentación xunto ao busto de Antonio Fraguas no Museo do Pobo Galego. Fonte: RAG


O Ano Antonio Fraguas será unha boa oportunidade para reivindicar as raíces populares do idioma e da cultura popular que o etnógrafo tanto estudou e contribuíu a dignificar, seguindo o ronsel da Xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos ao que el mesmo pertenceu, salienta o presidente da RAG. Este 2019 será ademais, engade Víctor F. Freixanes, unha ocasión especial para "establecer pontes entre as novas xeracións, que viven no mundo globalizado e das tecnoloxías da comunicación, e as raíces dos avós, da memoria dunha cultura que non naceu onte". "A nosa cultura ten unhas raíces profundas e nelas é onde está a forza do futuro", conclúe.

O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente da Fundación Antonio Fraguas, Justo Beramendi; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra; e o director da área de contidos da CRTVG, Fernando Ojea, participaron na presentación que tivo lugar esta mañá no Museo do Pobo Galego, institución que Antonio Fraguas primeiro dirixiu, desde a súa fundación en 1976, e logo presidiu, desde 1989 ata o seu pasamento dez anos despois.

Actos en Cerdedo-Cotobade
Os actos centrais do Día das Letras Galegas terán lugar no Concello de Cerdedo-Cotobade, terra natal do homenaxeado. Alí celebrará a Real Academia Galega o vindeiro 17 de maio o seu pleno extraordinario. Pero antes, o 28 de febreiro, presentará tamén nestas terras o proxecto web Primavera das Letras. Será nun acto no colexio de Carballedo, da man da súa comunidade educativa e da do colexio de Tenorio, as dúas escolas de Cotobade.

Primavera das Letras fornecerá o alumnado de infantil e primaria de recursos lúdicos e didácticos arredor da vida e da obra de Antonio Fraguas e premiará traballos sobre el desenvolvidos nos centros educativos no marco do concurso Contádenos o voso Día das Letras. A RAG tamén lle dedicará contidos especiais no Portal das Palabras, o espazo de divulgación do léxico galego promovido coa Fundación Barrié.

En novembro será o momento de profundar no seu legado da man dos especialistas que participarán no simposio organizado pola Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego e o Consello da Cultura. O encontro terá lugar os días 26, 27 e 28 no Museo e mais na Academia.

No apartado das exposicións, a Xunta de Galicia promoverá a mostra itinerante Antonio Fraguas, memoria dun soño. Viaxe a unha Galicia orgullosa de si mesma, que será presentada no mes de abril. Haberá tamén mostras bibliográficas en bibliotecas de todo o país, relatorios sobre o homenaxeado ou concertos, como o organizado polo Consello da Cultura Galega e que protagonizará a orquestra folk Sondeseu o 16 de maio.

O Concello de Cerdedo-Cotobade tamén ten previsto a celebración dun espectáculo sobre a historia da cultura galega previsto para o mes de abril e mais un concerto en maio. Entre outras iniciativas, reeditará o Cantigueiro de Cotobade e organizará roteiros polos espazos do municipio relacionados coa vida de Antonio Fraguas.