'Toponimízate' chega este venres a Celanova e o luns 29 de outubro a Brión

A campaña de divulgación da toponimia Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra chega esta tarde ao concello ourensán de Celanova e o vindeiro luns, 29 de outubro, ao coruñés de Brión. Neste último, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, presentará a charla que impartirá o especialista en toponimia Vicente Feijoo, membro do Seminario de Onomástica da institución. Toponimízate continuará o mércores 31 de outubro na Lama.

O relatorio de hoxe en Celanova terá lugar na Sala dos Arcos do concello a partir das 19:30 horas e o de Brión desenvolverase a partir das 20:00 horas na Aula Cemit deste municipio coruñés. No concello pontevedrés da Lama a charla será o mércores 31 de outubro ás 10:30 horas no CEIP A Lama.

Vicente Feijoo explicaralle ao público o significado dos nomes de cada concello e das súas parroquias e aldeas. Os asistentes poderán familiarizarse ademais coa aplicación colaborativa na que se está a traballar para a preservación e difusión da microtoponimia a través da xeolocalización, e tamén aprenderán a consultar a microtoponimia xa xeorreferenciada no "Buscador de topónimos". As utilidades desta ferramenta abranguen desde as actuacións sobre o territorio dos técnicos municipais (PXOM, catastro...) ata a promoción turística de elementos de interese cultural e rutas de sendeirismo.

A RAG coordina a que é a segunda edición de Toponimízate coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A acción enmárcase dentro dos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad que coordina a Xunta de Galicia. Ata o momento xa pasou por Castro de Rei (Lugo) e Arzúa (A Coruña) e, tras as sesións de Celanova, Brión e A Lama proseguirá en Cariño, Miño e Muros na provincia da Coruña; Cospeito, Foz e O Páramo na de Lugo; Parada de Sil e Xinzo de Limia en Ourense; e Moaña e Ribadumia en Pontevedra.