Todo listo para celebrar o Día das Letras Galegas

O Concello de Pontevedra quixo abrir os festexos do Día das Letras Galegas na véspera do 17 de maio cunha recepción no Café Moderno Afundación na que participou o presidente da Real Academia Galega. A institución celebra este xoves no Teatro Principal da cidade, a partir das 12:30 horas, a sesión pública e extraordinaria dedicada a María Victoria Moreno. Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey e Xesús Alonso Montero achegarán distintas olladas á vida e á obra da autora.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, deulles a benvida á cidade aos membros da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega, momentos antes do inicio do Concerto das Letras Galegas, organizado por esta institución. O programa foi interpretado pola Real Filharmonía de Galicia no auditorio en Pontevedra de Afundación.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, agradeceulle ao Concello de Pontevedra a colaboración e xenerosidade da entidade local na celebración do Día das Letras Galegas dedicado a María Victora Moreno, que foi veciña desta cidade desde que chegou a Galicia en 1963. Xunto ao alcalde, tamén tomaron a palabra o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o director de Afundación, Miguel Ángel Escotet.