Terra Nomeada afonda en catro novos volumes en máis dun milleiro de topónimos

A colección Terra Nomeada segue a dar a coñecer ao público a orixe dos nomes das entidades de poboación de concellos galegos. A Real Academia Galega acolleu hoxe a presentación en rolda de prensa dos catro novos números cos que continúa a serie que foi inaugurada co dedicado por Luz Méndez a Agolada (Pontevedra). Xulia Marqués asina o volume centrado en Trabada; Paulo Martínez Lema encargouse do dedicado aos tamén concellos lugueses de Begonte e Rábade; Fernando Cabeza Quiles é o responsable do dedicado á Estrada (Pontevedra) e Xosé Ramón López Boullón, do de Ames (A Coruña). Con todos eles, son xa máis de 1.200 os nomes de entidades de poboación analizados nunha serie editada pola RAG en colaboración coa Asociación Galega de Onomástica (AGOn). O seu propósito é achegar o público non especializado, dun xeito científico pero divulgativo, á orixe e ao significado dos topónimos de Galicia, un territorio especialmente rico neste patrimonio inmaterial: ten uns 40.000 nomes de entidades de poboación, a cuarta parte dos de toda España e catro mil máis ca todo Portugal.

Pola esquerda, Henrique Monteagudo, Ana Boullón, Víctor F. Freixanes, Xulia Marqués Valea, Fernando Cabeza Quiles e Xosé Ramón López Boullón. Fonte: RAG


O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a presidenta da Asociación Galega de Onomástica e académica correspondente, Ana Boullón; e o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, acompañaron a Xulia Marqués, Fernando Cabeza Quiles e Xosé Ramón López Boullón na presentación.

"A lingua é a expresión máis afortunada que os seres humanos temos para identificar e compartir a realidade. Os nomes de lugar forman parte do corazón da lingua, patrimonio histórico no que recoñecemos a memoria dos nosos devanceiros", salienta o presidente da RAG, que anunciou que nestes momentos xa se están en proxecto os novos números centrados nos topónimos de Carballo, Tordoia, O Riós, A Pontenova e Ribadeo.

Terra Nomeada fíxase como obxectivo estudar e explicar os nomes de todas as entidades de poboación dos concellos de Galicia e dos seus principais montes e ríos para, a través deles, devolverlles aos seus habitantes o importante saber que conteñen. Cada volume, dispoñible tamén en versión dixital, segue unha mesma estrutura que facilita a lectura, e complétase cun mapa que sitúa os topónimos sobre o terreo.

Un xeito de percorrer a historia
A AGOn coordina e supervisa cientificamente unha colección cun interese que chega alén do lingüístico e permite percorrer a historia do territorio. A súa presidenta, a académica correspondente Ana Boullón, explica que a gran maioría dos nomes de lugares de Galicia son de orixe latina, pero tamén se encontran restos antiquísimos de orixe prerromana. "Algúns deles sobreviviron na lingua común (O Coto, As Lamas, A Veiga), pero outros non (Sar, Guertambres, Abres, A Maía, Oca, Carbia). Tamén hai mostras dos nomes persoais de posesores medievais, moitos deles de orixe xermánica (Castrigo < CAS TEODERICO, Framil, Fraíz, Guimaráns, Bertamiráns, Gondomar, Balta, Adoufe), e outros latinos (Vidal, Sevil < (VILLA) SEVERII, NODAR < (VILLA) NOTARII, Amarelle)", detalla. A toponimia permite tamén comprobar como foi evolucionando a lingua "Así, vemos nos nomes dos nosos lugares as diferenzas dialectais (O Pazo na Estrada fronte ao Pacio en Trabada, O Carballín / O Espín en Trabada fronte ao común –iño en O Outeiriño ou Ortoñiño, Fontán / Fontado etc.", engade.

O estudo da toponimia dá tamén información de como era a terra que habitaban os nosos devanceiros: o tipo de terreo, tanto a constitución do relevo (Covas, Trasmonte, A Burata, Constenla) como a súa composición (Barreiro, Pedrouzos, Lapido, O Seixo), a vexetación (Biduído/Biduedo, A Carballeira, O Loureiro, Piñeiro, Castiñeiro, O Bruñido < PRUNETU, O Cerdeiral, Codeseda), e a fauna (Follabal < latín FOVEUM LUPALE ‘o foxo do lobo', A Grupillera, der. de VULPUS ‘raposo', Andoriña, Galiñeiro, Cruxeira), os cultivos (Novais, A Grela/A Agrela, Campenlos), os modos de asentamento da poboación (Casanova, Castelo, Pazo, Cabanelas, Os Casares), oficios ou actividades (Ferreiros, Besteiros, Batáns, Muíños) e, ás veces, os seus apelidos (Os Bieites). A fonda influencia da Igrexa católica ponse igualmente de manifesto na cantidade de nomes que conteñen o lugar do culto (A Igrexa pero tamén os resultados populares Eirexa ou Eirexe) e tamén nos nomes de santos (Sanamede, O San Lois, San Tomé, San Xiao, Santa Baia, Santa Mariña), conclúe Ana Boullón.

‘Toponimia de Begonte e Rábade'
Paulo Martínez Lema, autor de preto dunha ducia de contribucións valiosas á onomástica desde o ano 2007, é o responsable da monografía Toponimia de Begonte e Rábade, onde analiza os nomes das 19 parroquias e as 214 entidades de poboación de Begonte e as 6 entidades de poboación e a parroquia única de Rábade. O traballo complétase cos nomes de catro ríos, Ladra, Miño, Parga e Támoga.

O topónimo Begonte ten a súa orixe no nome persoal VOCONTIUS ou BOCONTIUS, que parece ser de orixe céltica, a través dun antigo sintagma (VILLA) VOCONTII ou (VILLA) BOCONTII. A atestación fiable máis antiga da que hai noticia do nome deste concello é a forma Boconti que aparece no testamento do bispo Sisnando, datado no ano 966 e conservado no Tombo de Sobrado, explica o autor no libro.

A orixe de Rábade podería retrotraerse á voz hispano-árabe rabad ‘barrio, suburbio', da cal deriva tamén o substantivo arrabalde (e variantes arrabal e arrabaldo), con idéntico significado e certa presenza na toponimia maior.

‘Toponimia de Trabada'
Xulia Marqués Valea dedicou a súa tese de doutoramento ao conxunto da toponimia ao Concello de Trabada, do que é natural. Tras este traballo, publicado no ano 2004, ofrece agora na colección Terra Nomeada, baixo o título Toponimia de Trabada, o estudo de máis de 130 topónimos de núcleos habitados deste municipio lugués.

Trabada resulta unha extensión metafórica de táboa (e taboada) á orografía e é froito dunha evolución semántica ‘cuberto de táboa', ‘superficie igual a', e logo ‘terreo chan'. A tradición escrita revela o uso ininterrompido dunha forma Tabulata (Tablata) do século VIII ao XIII e o primeiro testemuño escrito da forma Trabada localízase no Diploma do rei Silo, do ano 775, sinala a autora.

Neste manuscrito orixinal, o máis antigo dos que se conservan na Península tamén aparece o topónimo O Piago Negro, rexistrado Pelagum Nigrum. Piago quere dicir "pozo grande dun río e tamén un "sitio onde hai moita profundidade", mentres que o adxectivo negro contribúe a reforzar a idea de fondura.

‘Toponimia da Estrada'
Fernando Cabeza Quiles asina Toponimia da Estrada, dedicado ao concello no que pasou a nenez. O volume, publicado co apoio da Deputación de Pontevedra, profunda nos nomes das 51 parroquias e 516 lugares que converten este municipio pontevedrés no que máis entidades de poboación ten en España. A maiores destes nomes, tamén aparecen estudados con cadansúa entrada o microtopónimo O Cano Sifón e o río Vea.

A Estrada, en latín *(VIA) STRATA ou STRATA, substantivo ou participio pasivo de sternere ‘estender polo chan', é un topónimo viario referido a unha estrada antiga que pasaría pola localidade que lle dá o nome ao concello. Aínda que a parroquia de San Paio da Estrada foi creada no ano 1855 en substitución da de San Paio de Figueiroa, o topónimo A Estrada, que daquela debía dar nome a unha entidade moi pequena, xa aparece, cando formaba parte da devandita freguesía de Figueiroa, nun documento do ano 1556 do Arquivo Histórico da Universidade de Santiago: "Juan Rabón, vezino del lugar da Estrada, feligresía de San Payo de Figueiroa".

En canto ao nome do río Vea, Fernando Cabeza Quiles explica que é un hidrotopónimo prerromano que se puido formar, segundo a proposta de E. Bascuas, a partir da raíz indoeuropea *WEL- ‘facer xirar, xirar, dar voltas, auga que fai remuíños', que sería a base do medieval Velegia > Vea.

‘Toponimia de Ames'
Xosé Ramón López Boullón profunda na orixe dos nomes das 11 parroquias amesás e os seus 115 lugares habitados na obra Toponimia de Ames, que se completa coas explicacións da orixe doutros 13 topónimos. Entre eles figuran o do val da zona, A Maía, e o do propio concello, Ames, que malia a súa semellanza formal proceden de étimos diferentes; e tamén os de ríos como o Sar e o Tambre, os de montes como O Mar de Ovellas e o dos Batáns, os das pontes da Cabirta e Augapesada; e os de regos como o da Andoriña ou o dos Pasos.

Segundo recolle o autor neste volume, editado co apoio do Concello de Ames, o nome do municipio pode interpretarse como un derivado coa mesma raíz que Oia, a raíz hidronímica indoeuropea WEG-, e o significado do topónimo sería ‘lugar moi húmido', cunha terminación de superlativo en acusativo plural *ugiamos ou *ugiamas. O nome do val da comarca, A Maía, tamén ten que ver coa auga. O topónimo ten paralelo noutros peninsulares Amaya e semellantes. Procede dunha raíz hidronímica indoeuropea *AM- ‘auga, río, canal'.