Tribuna

Superar atrancos, vencer dificultades

C oa celebración o 12 de decembro do Pleno extraordinario das Letras Galegas para honrar a Ricardo Carballo Calero, a Real Academia Galega pon o broche de ouro ao ano dedicado a conmemorar a súa figura. Inicialmente estaba previsto realizar o acto no Teatro Jofre da súa cidade natal, Ferrol, pero as circunstancias sanitarias frustraron este propósito. Non obstante, o Paraninfo da Universidade de Santiago ofrece un marco igualmente acaído para celebrar a memoria dun intelectual que culminou a súa carreira como profesor da Minerva compostelá, inicialmente como encargado das clases de lingua e literatura galega —que inaugurou el mesmo— e máis tarde como catedrático de lingüística e literatura galega, o primeiro con ese título en Galicia.

Tanto a data insólita deste Plenario, que debera terse realizado o 17 de maio, coma o cambio de local simbolizan as dificultades que atravesamos ao longo do ano. A pandemia que está sementando polo planeta adiante morte, dor, angustia e problemas de todo tipo obrigou a alterar as previsións non só da Academia, senón dunha miríade de docentes, institucións e colectivos culturais que tiñan preparadas moitas e diversas iniciativas arredor da figura dedicataria das Letras Galegas. As excepcionais circunstancias impuxeron desde os mediados do mes de marzo o distanciamento social e, por tanto, imposibilitaron a celebración de actos con presenza de público. Foi así que o propio 17 de maio a RAG tivo que conformarase con realizar unha simbólica ofrenda floral na porta do domicilio compostelán do homenaxeado á que só puideron acudir media ducia de autoridades.

Mais unha das leccións de vida de Carballo Calero foi non deixarse vencer polos atrancos e dificultades. A súa foi unha xeración que floreceu en tempos de esperanza e entusiasmo, pero que viu as súas ilusións tronzadas pola interminable ditadura franquista. Ao longo do ano 2020 temos escoitado innúmeras voces afirmar que a traxectoria de don Ricardo —así lle chamabamos os seus alumnos— é un exemplo de lealdade a principios e valores coma o galeguismo e a democracia republicana. Tamén o é de capacidade de resistir e sobrepoñerse a un contexto ferozmente hostil, non só dando testemuño daquela lealdade, senón forxando instrumentos para fender os muros e abrir camiños de futuro, como a súa Gramática, e incluso construíndo monumentos perdurables, como a súa Historia da Literatura Galega Contemporánea, dous fitos na historia da nosa lingua e cultura.

A Academia tivo que reinventar a celebración das Letras. O espazo dedicado a Ricardo Carballo no noso sitio da Rede documenta o esforzo realizado. Velaí a atención prestada á súa vida e obra ao longo de todo ano, con materiais educativos e divulgativos ben variados, na revista Primavera das Letras —destinada á xente máis miúda— e no Portal das Palabras —dirixido á mocidade e o público adulto—, a serie "Unha palabra para don Ricardo", difundida durante o mes de maio, as entrevistas con especialistas, os vídeos que recollen as intervencións no Simposio celebrado en outubro, que foi por primeira vez emitido en streaming, os diversos produtos audiovisuais producidos ou rescatados da memoria... E aínda en xaneiro, da man do Parlamento e da Xunta, presentaremos a edición da correspondencia entre o noso autor e Ramón Otero Pedrayo, un libro que é tamén un auténtico monumento de memoria galeguista. Todo iso puido facerse grazas ás novas tecnoloxías, pero sobre todo é froito da creatividade, a competencia e a entrega dunha gran cantidade de persoas, que a RAG admira e a quen agradece o seu brillante labor.

No ano que remata pasamos moitas saudades do alento e da calor das celebracións presenciais, pero as novas tecnoloxías permitíronnos chegar a máis xente en máis lugares ca nunca antes, e sen limitacións de horario. Esta é unha lección que levamos ben aprendida para o porvir. O Día das Letras Galegas dá ocasión para un ano de celebración, difusión e estudo, pero non é un ano de inventario e peche, senón de novos azos e apertura de horizontes. Coa experiencia das dificultades ao lombo, botamos a vista atrás para tomar alento e non perder o rumbo do futuro.
 

Henrique Monteagudo
Membro de número e secretario da Academia