Sesión de mañá do Simposio Díaz Castro

Na primeira parte do Simposio analizouse a poética do autor de Nimbos, a pegada rosaliana na súa obra, a súa formación no Seminario de Mondoñedo así como o seu tratamento da paisaxe.
Henrique Monteagudo, Anxo Lorenzo, Xesús Alonso Montero, Margarita Ledo e Armando Requeixo
Henrique Monteagudo, Anxo Lorenzo, Xesús Alonso Montero, Margarita Ledo e Armando Requeixo


Na inauguración do Simposio participaron: o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; os tres membros do comité organizador, Henrique Monteagudo, secretario da Academia; Margarita Ledo, arquiveira-bibliotecaria desta institución e o profesor e crítico Armando Requeixo, así como o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, en representación da Xunta de Galicia, entidade co-organizadora do Simposio, que estivo representada, ademais, polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Logo da inauguración do Simposio por parte de Armando Requeixo, tomou a palabra o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen declarou: "Díaz Castro é hoxe un autor máis coñecido e recoñecido grazas ao Día das Letras 2014. Mais Díaz Castro non vai rematar neste 2014, ao contrario, este Simposio supón un punto e seguido no proceso de investigación e valoración do seu legado".

Armando Requeixo
Armando Requeixo

O profesor e crítico Armando Requeixo deu comezo, a seguir, á súa conferencia, centrada na análise da concepción poética do autor de Guitiriz cun discurso titulado: "Díaz Castro por Díaz Castro: (auto)poética e lecturas críticas". Requeixo principiou a súa intervención anunciando a recente publicación, por parte de Galaxia, do Epistolario de Díaz Castro, un libro no que o poeta de Guitiriz pon de manifesto, de xeito de explícito, a súa visión do feito poético.

Servíndose de materiais presentes neste libro, así como doutros compilados en entrevistas e conferencias, Armando Requeixo achegou unha visión de Díaz Castro como poeta reflexivo, altamente consciente do feito poético, cun profundo coñecemento da tradición literaria, un creador, e completamente afastado de calquera concepción inxenua ou espontánea da literatura. Apoiándose nas propias palabras do autor, segundo Requeixo, para Díaz Castro a poesía era "a máis alta expresión da comunicación humana", que debía manifestarse de xeito autónomo, allea a calquera compromiso político, mediante un calculado equilibrio entre forma e fondo.

No que atinxe ás súas lecturas e principais influencias, Requeixo situou o autor de Guitiriz no ronsel rosaliano e salientou, así mesmo, a pegada dos poetas paisaxistas mindonienses, como Noriega Varela e Iglesia Alvariño. Armando Requeixo destacou tamén o poliglotismo do autor de Nimbos, condición que lle permitía acceder, na súa lingua orixinal, á obra de autores como Lamartine, Musset, Walt Whitman ou Rainer Maria Rilke. Segundo Requeixo, o influxo do autor alemán sobre Díaz Castro foi tan ampla que é posible definilo como "o Rilke galego".

Carme Blanco
Carme Blanco

A profesora e escritora Carme Blanco, pola súa parte, centrou a súa intervención na análise da pegada rosaliana en Díaz Castro e, nomeadamente, no poema "Penélope". Segundo Carme Blanco, Díaz Castro concibía a poesía como unha mirada que ten como misión a procura da verdade e a superación da separación entre fondo mediante unha expresión integral. A influencia rosaliana sobre Díaz Castro, en palabras de Carme Blanco, ademais de en certa ambigüidade constitutiva, é posible detectala nunha concepción común de Galicia como "virxe mártir" e "Lázaro", manifesta en poemas como "Desde los cuatro puntos cardinales", de En las orillas del Sar, e o poema "Penélope", de Nimbos.

"Díaz Castro e Rosalía compartían, ademais, unha visión do feito poético como manifestación da vida, da relación entre crenza e creación, e un sentido común de compaixón polos desposuídos, da poesía como acto de solidariedade e de esperanza nun futuro de xustiza para todos", concluíu Carme Blanco.

Luís González Tosar e Armando Requeixo
Luís González Tosar e Armando Requeixo


O poeta e estudoso Luís González Tosar, logo de denunciar o tópico recorrente da manipulación do texto orixinal de Nimbos nas súas sucesivas edicións, definiu a Díaz Castro como un poeta altamente esixente consigo mesmo: "Levoulle cinco anos escribir Nimbos, e, se non fora pola cordial teimosía de Fernández del Riego e Piñeiro, nunca saberemos canto tempo máis podería demorar na entrega do manuscrito a Galaxia". González Tosar definiu a Díaz Castro como un home dotado dunha sólida formación intelectual que o situaba moi por riba da media dos escritores da súa xeración, e que revisaba a súa obra unha e outra vez, de xeito escrupuloso.

Félix Villares Mouteira
Félix Villares Mouteira

O relixioso Félix Villares Mouteira, exreitor do Seminario de Mondoñedo e director da revista Amencer, fixo na súa alocución un minucioso percorrido polos dez anos pasados por Díaz Castro na institución mindoniense, achegando información detallada do seu expediente académico e situándoo dentro da chamada "Escola poética do Seminario de Mondoñedo", de par doutros poetas como Pastor Díaz, Leiras Pulpeiro, Noriega Varela, Crecente Vega ou Iglesia Alvariño.

En palabras de Villares Mouteira, o expediente académico de Díaz Castro informa sobre un alumno especialmente dotado para as linguas, en particular, o latín, que impartía daquela o recoñecido latinista Francisco Fanego, quen foi tamén profesor de Iglesia Alvariño. Villares Mouteira deu noticia, así mesmo, do unánime e temperá recoñecemento do seu talento literario por parte dos seus compañeiros no Seminario, que o alcumaban "o poeta", e rematou a súa intervención cunha enumeración dos trazos de estilo comúns nos poetas da "Escola do Seminario de Mondoñedo": a sólida formación humanista, a influencia dos clásicos latinos e gregos, o coñecemento da fala popular, a temática costumista, unha atención, no seu canto, "ás cousas pequenas" de liñaxe franciscanista, o predominio do descritivo sobre o lírico e a temática relixiosa.

Xesús Manuel Valcárcel
Xesús Manuel Valcárcel

O escritor e poeta lugués Xesús Manuel Valcárcel foi o encargado de pechar a sesión de mañá do Simposio, e fíxoo cun discurso no que revisou o tratamento da paisaxe na súa poesía. Segundo Xesús Manuel Valcárcel, Rosalía e Pondal foron os iniciadores do proceso de construción dun "estereotipo paisaxístico galego" que tería logo unha continuidade nas artes plásticas coa obra de pintores como Fermín Brocos, Virxilio ou Colmeiro, e na poesía con autores como Noriega Varela, Uxío Novoneyra e Amado Carballo. Valcárcel referiuse, así mesmo, á existencia dunha dualidade no tratamento da paisaxe na poesía galega entre a concepción de Noriega Varela, resumida na fórmula "humilde beleza que namora", de raizame franciscana, e a visión "pouco amable" do territorio bergantiñán por parte de Pondal. O autor de Rosa clandestina rematou a súa intervención definindo o tratamento da paisaxe en Nimbos como unha forma de "encontro co misterio".