Salvador García-Bodaño deixa pegada da súa poesía no Xardín das pedras que falan

A poesía de Salvador García-Bodaño forma xa parte do Xardín das pedras que falan, ao pé do Colexio de Fonseca, en Santiago de  Compostela. O académico contribuíu co verso inédito "Compostela, soño de pedra no tempo" á espiral na que xa se gravaron antes, entre outros, versos de Rosalía de Castro, Seamus Heaney e a tamén académica Luz Pozo Garza.
Versos gravados no Xardín das pedras. En primeiro termo, a pedra co verso de Salvador García-Bodaño. Fonte: Concello de Santiago de Compostela

A rocha co verso de Salvador García-Bodaño foi presentada o pasado sábado. Salvador García-Bodaño salientou no acto a similitude da colocación da espiral de pedras co simbolismo das espirais celtas. O alcalde de Santiago de Compostela recordou pola súa banda o estreito vínculo do poeta coa cidade, á que dedicou poemas como os recollidos no libro Tempo de Compostela, Premio da Crítica Española de 1978. "Salvador é unha historia de amor e compromiso con Santiago e con Galicia", expresou o rexedor Xosé Sánchez Bugallo.