Retrato de Villar Ponte, por Mariano Miguel

Retrato ao óleo en plano medio de Villar Ponte
Na dedicatoria pódese ler: "Coruña 1924. A irmán da ialma e da terra nosa"


Mariano Miguel González foi un artista galego de nacionalidade cubana que veu ao mundo en Madrid no ano 1885. Foi mestre de debuxo e máis tarde de gravado na Escuela Nacional de Bellas Artes San Alejandro da Habana, da que tamén chegou a ser director. O xornalista e poeta catalano-cubano, Lorenzo Frau Marsal, definíao coma un espírito amplo que dominaba varias artes, un auténtico artista polifacético que tanto modelaba a arxila, como forxaba o ferro, esculpía o mármore, ou tallaba a madeira e que, ademais de todo iso, pintaba.

Pouco sabemos da súa nenez, consta que naceu en Madrid e que, sendo ben cativo, se trasladou a Galicia, terra da súa nai. Aquí deu os seus primeiros pasos artísticos, pintando carteis para as festas da cidade da Coruña e debuxando caricaturas para xornais, pequenos traballos onde xa se percibía o seu interese polas paisaxes locais, inzados de personaxes anónimos e populares que presentaba como protagonistas. Este gusto polo folclore popular estivo presente ao longo da súa vida, e así o reflectiu nunha das primeiras representacións artísticas da cultura crioula da illa de Cuba.

De espírito inquedo, co cambio de século, sendo aínda pouco máis que un neno, trasladouse a París, de onde se mudou, ao pouco tempo, a Madrid para volver, aos poucos meses, para A Coruña. Mais tampouco aquí encontrou acomodo e, tras dous anos de estadía, en 1904 decidiu marchar a facer as américas, máis en concreto, á illa de Cuba, onde exerceu en diversas publicacións como xornalista e crítico de arte.

En 1912 optou pola nacionalidade cubana, debeu ser por esas mesmas datas, ou quizais un chisco antes, cando coñeceu a un Antón Villar Ponte acabado de chegar á Habana co que compartía a profesión de xornalista e o apego a Galicia.

Desde moi cedo séntese comprometido coa difusión e recoñecemento da cultura galega formando parte da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega, xermolo na diáspora da actual Real Academia Galega, da que en 1925 chegaría ser membro correspondente.

Xustamente nesas datas estaba de volta en Galicia por motivos de saúde. Atacado polas febres tropicais, permaneceu durante varios anos na nosa terra onde executou varias obras de temática galega ata completar unha colección que serviu para facer unha exposición monográfica no Concello de A Coruña.

Non é doado encontrar fotografías desas pinturas, pero consultando o catálogo de dita exposición podemos ver títulos en galego, algo non moi común daquela, como : A Meiga, A Manciñeira, A Labrega, Baixamar en Sada ou A Leira dos Repolos, nomes todos eles que denotan o seu gusto polo enxebrismo.

Talentoso retratista, dotado dunha magnífica técnica, pero quizais por ser un pintor da emigración e polo seu clasicismo non foi xustamente valorado por unha crítica máis proclive á estética das vangardas naquela altura.

Neste cadro vemos, sobre o fondo dunha mariña impresionista, un retrato de Antón Villar Ponte que permite albiscar o carácter teimudo e orgulloso do intelectual e político nacionalista.