Reedición de 'Galicia como tarea'

Coincidindo coa celebración do Día do Libro, tivo lugar en Vigo a presentación dunha reedición facsimilar de Galicia como tarea; o libro no que Valentín Paz Andrade analiza, desde un punto de vista económico, a situación da Galicia do seu tempo.

No acto, celebrado no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo o pasado 23 de abril, Día Mundial do Libro, interviñeron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, o da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, o presidente do Consello da Cultura e membro numerario desta institución, Ramón Villares Paz, e Alfonso Paz Andrade, fillo do homenaxeado.

O presidente da Xunta destacou no seu discurso a importancia que Paz Andrade lle outorgaba, non só ás institucións e tecido industrial do país, senón tamén á cultura galega como medio para acadar a nosa supervivencia como pobo diferenciado.

O presidente da Academia, pola súa parte, subliñou na súa intervención a importancia de Vigo na conformación do ideario político e económico de Paz Andrade. "Aquí naceron as grandes empresas e as grandes sínteses ideolóxicas. Aquí se fixeron as grandes propostas de renovación e transformación de Galicia". E sobre o libro a debate comentou, "en Galicia como tarea é onde Valentín Paz-Andrade propón unha Galicia dona de si mesma, mais non pode selo se non o é tamén economicamente".

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura, destacou a orixinalidade do libro de Paz Andrade ao vincular "a situación económica de Galicia co contexto das novas economías rexionais do momento; coa oportunidade de ter novas fontes enerxéticas, coa combinación de fontes de financiamento públicas e privadas". E puxo de relevo a análise pazandradiana da cultura galega como factor económico pola súa capacidade para nos conectar co mundo lusófono.

Alfonso Paz Andrade deulle o albaroque á xornada agradecendo o nomeamento do seu pai como figura homenaxeada do Día das Letras 2012, un evento que vén a reparar o longo silencio e esquecemento desta figura clave na evolución da literatura e o pensamento galegos.

Outras producións editoriais
Ademais da citada reedición de Galicia como tarea a cargo de Xerais, foron aparecendo nestes días outras producións editoriais sobre da figura do intelectual pontevedrés. Neste sentido encontramos a longa entrevista con Tucho Calvo: Valetín Paz Andrade, a memoria do século XX, reeditada por Biblos. A investigadora Charo Portela propón as seguintes aproximacións: Valentín Paz-Andrade. Escritor, xornalista e poeta. Avogado, político e empresario, publicada en Ir Indo; Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía, a cargo de Xerais e orientada ao público infantil; e Valentín Paz Andrade, vida e obra, desta volta concibida para o público adulto e tamén publicada por Xerais. Galaxia, pola súa banda, presentou dous libros asinados por Xan Carballa: Biografía de Valentín Paz Andrade e Antoloxía, unha selección de textos do prolífico autor pontevedrés.