Quen foi Margot Sponer

A filóloga alemá Margot Sponer (1898-1945) foi, probablemente, a autora da primeira tese de doutoramento sobre a lingua galega e vítima do réxime nazi.
Margot Sponer.
Margot Sponer.


Irmá menor da física Hertha Sponer -a primeira muller profesora de Física na Universidade de Duke, nos Estados Unidos- Margot Sponer encamiñou a súa carreira académica cara ao estudo das linguas, nomeadamente, da Filoloxía Románica e da Xermánica, na Universidade de Berlín, a Friedrich-Wilhelms Universitat. Nesta universidade presenta, o 20 de xuño de 1935, unha tese de doutoramento titulada Altgalizische Urkunden, (Domumentos do galego antigo), nela transcribe documentos galegos datados entre o ano 938 e o 1494 na que pode ser considerada "unha das primeiras teses sobre a lingua galega, se non a primeira" segundo o profesor da Universidade de Santiago de Compostela e crítico literario Antón Figueroa (A Trabe de Ouro, 2013).

O primeiro contacto con Galicia documentado de Margot Sponer atopámolo nas páxinas do número 35 da Revista Nós (1926) que informa sobre a súa visita ao noso país na procura de documentación para a súa tese. Un pouco máis tarde, no número 37 da mesma publicación, de xaneiro de 1927, aparece publicado un artigo da súa man titulado "Algunhas notas dos meus estudos sobre filoloxía galega", no que a futura doutora denuncia a deturpación do idioma galego: "Mais é certo qu'eu a pesares de ser estranxeira n-esta terra tan fermosa, sinto qu'a sua lengoa tan doce e melodiosa vaia perdendo a sua enxebreza e dando entrada no seu léxico cada día a mais palabras e xiros castelás. Fenómeno inverso pódese ouservar no pobo de Cataluña, ond'un ardente amor ó seu failles estudar cada día máis afincadamente a perfeición e enxebreza do seu idioma".

O artigo completo pódese descargar nesta ligazón

Esta colaboración coa revista ourensá debeu espallar rapidamente a sona de Margot Sponer entre a intelectualidade galega da época. Deste xeito, en 1926, é proposta como socia para o Seminario de Estudos Galegos, e nestas mesmas datas a Real Academia Galega publica asemade unha carta aberta súa no Boletín nº188, na que a filóloga alemá agradece a axuda recibida en Galicia no curso das súas investigacións. Así mesmo, o Romanisches Seminar da Universidade de Berlín, no que ela traballa como docente, convértese nunha referencia de visita obrigada para os intelectuais galegos de paso pola cidade, segundo relata Vicente Risco nas páxinas de Mitteleuropa (Nós, 1934), e Lois Tobío nas súas memorias, As décadas de T.L. (1994).

Co ascenso de Hitler ao poder dá comezo unha campaña de depuración e nazificación da universidade que supón a expulsión de moitos docentes xudeus, entre eles o seu cuñado, o Nobel de Física James Franck, o que motiva que a súa irmá, Hertha, e mais el abandonen o país xa en 1934. Margot será expulsada da Universidade de Berlín en 1942 e asasinada en Berlín o 27 de abril de 1945 polas súas actividades na resistencia clandestina antinazi.