Publicadas as achegas da xornada de onomástica dedicada aos nomes e apelidos

Os aspectos legais, sociais e lingüísticos dos nomes e apelidos centraron a II Xornada de Onomástica Galega organizada pola Real Academia Galega o pasado mes de setembro no Museo de Pontevedra. Os sete traballos presentados neste encontro poden agora lerse nun novo volume da Sección de Lingua que tamén reproduce as intervencións e o posterior debate da mesa redonda sobre os nomes propios na ficción coa que rematou o programa. A publicación está dispoñible nesta ligazón.

Estudos de Onomástica Galega II. Os nomes e os apelidos: aspectos legais, sociais e lingüísticos é o título desta nova publicación da Academia que dá conta do encontro promovido polo Seminario de Onomástica, por segundo ano consecutivo, co apoio da Deputación de Pontevedra. O programa, coordinado polas académicas correspondentes Ana Boullón e Luz Méndez, abordou distintos aspectos de actualidade e demanda social arredor dos nomes e apelidos, como os procesos e dificultades para a recuperación da onomástica nos rexistros civís, os criterios para a restitución das formas normalizadas, as estratexias para a normalización desde os centros de ensino ou a administración de xustiza ou a presenza da onomástica galega na comunicación e na tradición literaria.

Os traballos recompilados son autoría da avogada do Estado Consuelo Castro Rei, a maxistrada Encarna Dasi Dorelle, os académicos correspondentes e membros do Seminario de Onomástica Gonzalo Navaza, Ana Boullón e Xosé María Lema, Anxos Sobriño, técnica da Audiencia Provincial de Pontevedra e presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, e Valentina Formoso, profesora do IES Félix Muriel de Rianxo.

O volume remata coa reprodución das intervencións e posterior coloquio co público da mesa redonda sobre os nomes propios na ficción literaria e audiovisual. A conversa, moderada pola xornalista Marga Pazos, protagonizárona os guionistas Xosé Castro Pato e Araceli Gonda e o novelista Xosé María Lema.