Proxecto Nimbos

Proxecto Nimbos é unha iniciativa do colectivo Acto de primavera que ten como obxectivo promover creacións fílmicas inspiradas nos poemas de Díaz Castro.

Fotograma de No resplendor do día, de Manuel del Río


Segundo as súas propias palabras, o colectivo Acto de primavera, formado por Xurxo González, Martin Pawley e José Manuel Sande, naceu para defender "as expresións fílmicas máis creativas –aquelas que fan avanzar a historia do cine- e aposta de maneira especial polos novos talentos, nomeadamente en Galicia". Pódese acceder á páxina dixital de Acto de primavera premendo nesta ligazón.

So esta declaración de principios a prol do cine de vangarda, o colectivo Acto de primavera lanzou, en xullo de 2013, Proxecto Nimbos, unha convocatoria a directores de cine galegos e foráneos para a realización de pezas audiovisuais curtas, de entre un e cinco minutos, baseadas nun poema do libro Nimbos de Díaz Castro. "Non se trata de ilustrar o poema en imaxes, en absoluto, senón de crear unha obra cinematográfica nova que naza da lectura do poema", comenta Martin Pawley no texto limiar desta iniciativa.

Polo de agora, está confirmada a participación neste proxecto de Margarita Ledo, Xurxo Chirro, Eloy Enciso, Alberto Gracia, Oliver Laxe, David Castro Sopeña, Carlos Álvarez-Ossorio, Diana Toucedo, Juan Lesta, Belén Montero, Xacio Baño, Pablo Cayuela, Xan Gómez Viñas, Jaione Camborda, Víctor Hugo Seoane, Otto Roca, Alfonso Zarauza, José Antonio Cascudo, Ángel Santos, Manuel Fernández-Valdés e Eloy Domínguez Serén.

Na páxina dixital de Acto de primavera xa se poden visualizar as pezas Cova alumada, de Xurxo Chirro; Terra sucada, de DnL; Ínsula, de David Castro; Alfa i omega, de Otto Roca; Trasfiguración, de Manuel Álvarez e No resplendor do día, de Manuel del Río.