Primavera das Letras rexistrou en maio un incremento no número de consultas do 180 %

O proxecto web Primavera das Letras permitiu celebrar a milleiros de nenos e nenas dende a casa as Letras Galegas de Ricardo Carballo Calero. A web da Real Academia Galega, concibida para achegar o alumnado de infantil e primaria á figura e á obra do persoeiro que a institución homenaxea cada 17 de maio, experimentou un incremento con respecto ao ano anterior por riba do 180 % no número de consultas de contidos durante maio, achegándose ás 300.000 páxinas vistas. En pleno confinamento, duplicouse ademais o acceso a través dos teléfonos móbiles, que representou un 30 % do total.

As visitas aos contidos da Primavera das Letras 2020, que se desenvolven co apoio da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, disparáronse a partir da última semana do mes de abril e só no mes de maio o portal rexistrou máis consultas ca en todo o ano 2019. Produciuse ademais un aumento significativo do número de persoas usuarias que acceden directamente á web, por riba do 35 % con respecto ao ano anterior, un dato que reflicte a crecente popularidade deste espazo que fornece os pequenos e pequenas da casa de recursos lúdicos e didácticos arredor do universo vital e literario dos autores homenaxeados no Día das Letras Galegas.

Os recursos máis empregados foron as fichas descargables sobre a vida do autor, Letras para contar un país; sobre a súa obra, De Vieiros a Scórpio; e a dedicada ao seu labor como autor da Historia da literatura galega contemporánea, O buscador de libros. A actividade interactiva máis repetida foi a que xira arredor do relato "As pitas baixo a chuvia", seguida das dedicadas a Ferrol, cidade natal do autor; aos poemas e os idiomas e a dúas grandes afeccións de Carballo Calero, o teatro e mais a ópera. Entre os materiais máis demandados tamén aparecen as fichas para colorear.

A pandemia obrigou a pospoñer as celebracións presenciais do Día das Letras Galegas pero o 17 de maio estivo moi presente na Rede a través de múltiples iniciativas, tamén chegadas dende o ámbito educativo. A RAG agarda retomar no último cuadrimestre do ano os actos adiados e anima a comunidade escolar a darlle continuidade ao Ano Carballo Calero a partir de setembro. Nesta liña, o prazo para participar no concurso Contádenos o voso Día das Letras, convocado ao abeiro de Primavera das Letras, amplíase ata o 1 de decembro de 2020.

A RAG homenaxeou o pasado Día das Letras Galegas a Carballo Calero cunha sinxela ofrenda floral ás portas da súa casa en Santiago de Compostela, tras ter que adiar o acto académico do 17 de maio. Este terá lugar en Ferrol o vindeiro 31 de outubro, cadrando con 110 aniversario do nacemento do autor. Tamén en outono terán lugar, entre outros actos, os simposios académicos sobre a súa vida e obra.