Preséntase a candidatura de PuntoGal

A asociación PuntoGAL presenta a súa proposta formal para acadar un dominio en internet de primeiro nivel para a lingua e a cultura galegas.
Manuel González González e Mar Pereira
Manuel González , presidente de PuntoGal
e testoureiro da Real Academia,
e Mar Pereira, directora da Axencia para
a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

O martes 29 de maio ás 12 horas no auditorio da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura terá lugar a presentación da proposta formal da candidatura que PuntoGal remitíu á ICANN (Internet Corporation for Assigned Names and Numbers), o ente que determina os enderezos de internet, para conseguir un dominio galego propio. O prazo para enviar as propostas remata o próximo 30 de maio, pero a asociación PuntoGal xa completou todos os trámites económicos, técnicos e administrativos para a solicitude do .gal.

A asociación conta con máis de 100 socios e máis de 12.000 persoas asinaron a prol do dominio galego. O seu presidente é o catedrático de Filoloxía Románica, Manuel González González, tesoureiro da Real Academia Galega. Ademais, esta corporación é unha das promotoras do proxecto. Con motivo da presentación da candidatura, organízase unha mesa redonda que será inaugurada pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e na que participarán representantes da Fundació PuntCat, que xestiona o dominio catalán .cat; da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Consello da Cultura Galega, de EGANET (Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías), da Asociación Galega de Editores e de Código Cero, entre outros.

PuntoGal agarda contar coa presenza dos seus socios, de representantes das organizacións que traballan coa lingua e as novas tecnoloxías en Galicia e de todos os interesados en contribuír a espallar o dominio para a lingua e a cultura galegas.