Presentación do libro 'Valentín Paz-Andrade. Xornalista para un país'

O libro, que conta con limiares de Xosé Luís Axeitos e Tucho Calvo, fai un percorrido pola extensa produción xornalística de Valentín Paz-Andrade.
Mesa presidencial con Negreira, Feijoo, Ferrín, Santiago Rey e Vilela
Carlos Negreira, Alberto Núñez Feijóo, Xosé Luís Méndez Ferrín, Santiago Rey Fernández-Latorre e Xosé Luís Vilela presidindo o acto


A presentación, celebrada no salón de actos da Real Academia Galega, contou coa presenza de autoridades, numerosos membros da Academia e persoeiros da cultura galega. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o alcalde da Coruña, Carlos Negreira; o presidente de La Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre e o actual director do xornal, Xosé Luís Vilela, acompañaron na mesa a Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega.

Xente falando nos prolegómenos do acto
Imaxe dos prolegómenos do acto

Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia e mantedor do acto, empezou a súa intervención rememorando o estreito vencello entre o seu xornal e o Día das Letras Galegas ao longo dos últimos 50 anos. A seguir, entregoulle á Academia un ramo con cincuenta caraveis brancos como felicitación polo aniversario desta celebración. Por último, resumiu o labor xornalístico de Paz-Andrade na súa "vontade de ser a voz de Galicia".

O secretario da nosa institución, Xosé Luís Axeitos Agrelo, salientou o papel de Otero Pedrayo no nomeamento de Paz-Andrade como académico e sinalou a dobre fidelidade que o intelectual pontevedrés mantivo ao longo de toda a súa vida ao xornalismo e a Galicia. Precisamente sobre o labor xornalístico do homenaxeado, Xosé Luís Axeitos destacou que "non era de augas mansas nin obediente, senón crítico e valente", como se exemplificou no seu apoio ao Estatuto de Autonomía para Galicia de 1936. O secretario da Academia apuntou tamén a posición problemática de Paz-Andrade no contexto da Galicia de posguerra, "vítima do enfrontamento entre o galeguismo interior e os nacionalistas no exilio."

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, lembrounos a participación da cidade herculina en acontecementos imprescindibles na conformación da moderna cultura galega: a fundación Irmandades da Fala e da propia Real Academia Galega, ou as iniciativas de creación dos nosos himnos e bandeira. Esta participación do concello na nosa cultura terá continuación este ano coa celebración dun gran acto cívico na praza de María Pita en conmemoración do cincuentenario do Día das Letras. Sobre a figura homenaxeada, Carlos Negreira gabou a súa gran capacidade de traballo, "fabricou un día de corenta horas", así como a súa vontade de servizo a Galicia.

Portada do libro: Valentín Paz-Andrade. Xornalista para un país
Portada do libro Valentín Paz-Andrade.
Xornalista para un país
.

O presidente da Real Academia Galega, Méndez Ferrín, sinalou o amplo historial de colaboración entre a Academia e La Voz de Galicia, exemplificada no caso da publicación de Los Precusores, a obra de Manuel Murguía publicada en 1886 na colección Biblioteca Gallega, de La Voz de Galicia, editada conxuntamente por Andrés Martínez Salazar, futuro presidente desta corporación naquel ano, e Juan Fernández Latorre, fundador do xornal.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, resaltou no seu discurso a importancia histórica do xornalismo na creación dunha conciencia galega e na reivindicación dos nosos intereses como pobo. A Valentín Paz-Andrade referiuse como un intelectual "premonitorio" pola súa capacidade para prever, en 1922, a importancia de Vigo no sector pesqueiro, do turismo ou das infraestruturas portuarias na Galicia futura. Asemade, subliñou a relevancia que para o protagonista do Día das Letras deste ano tiña a nosa lingua como ponte co mundo de lingua portuguesa e tamén a súa concepción de Galicia como unidade económica onde o campo e a cidade, a costa e o interior, se complementan.