Presentación do 'Epistolario' de Manuel Antonio

A obra, editada por Xosé Luís Axeitos e publicada conxuntamente pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, culmina a edición da Obra completa do poeta rianxeiro.
Henrique Monteagudo, Adolfo Muíños, Javier López e Xosé Luís Axeitos.
Henrique Monteagudo, Adolfo Muíños, Javier López e Xosé Luís Axeitos.


O acto de presentación do Epistolario, que tivo lugar no salón de plenos do Concello de Rianxo, contou coa presenza do alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños; do secretario da Academia, Henrique Monteagudo; do director da Fundación Barrié, Javier López Martínez e do membro de número da Academia e editor literario da obra, Xosé Luís Axeitos.

En palabras de Xosé Luís Axeitos: "As cartas aquí reunidas deitan luz sobre aspectos pouco coñecidos da vida de Manuel Antonio, como a súa estadía dun mes na Coruña en 1921, na compaña de Vilar Ponte e Cebreiro, feito que resultará decisivo na súa toma de conciencia nacionalista, ou o máis que interesante intercambio epistolar coa súa nai, que nos achega unha visión ao Manuel Antonio máis íntimo e familiar". Axeitos Agrelo concluíu a súa intervención sinalando: "A cultura galega salda, 85 anos despois da súa morte, a súa débeda con Manuel Antonio, un dos grandes poetas galegos e europeos do século XX".

Pola súa parte, Henrique Monteagudo, logo de cualificar os tres volumes da Obra completa de Manuel Antonio –Poesía, Prosa e Epistolario- publicados na colección "Clásicos da Academia" como a edición "definitiva" da obra do autor de De catro a catro, concluíu: "Este Epistolario vén a encher un oco na nosa cultura, o da literatura epistolar e memorialística, tan escasa nas nosas letras e, ademais, afonda no coñecemento da vida e a obra dunha das figuras máis singulares da literatura galega moderna: Manuel Antonio".