Presentación de 'Xosé María Díaz Castro, para alumear o mundo'

La Voz de Galicia presentou na Academia o seu estudo monográfico sobre a figura protagonista do Día das Letras Galegas 2014, Xosé María Díaz Castro.
Xosé Luís Vilela Conde, Xesús Alonso Montero, Carlos Negreira, Santiago Rey e Luís González Tosar
Xosé Luís Vilela Conde, Xesús Alonso Montero, Carlos Negreira, Santiago Rey e Luís González Tosar


A presentación deste volume que será distribuído de balde por La Voz de Galicia o vindeiro 17 de maio, contou coa presenza, entre outros, da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; do presidente de La Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre; do presidente do Consello da Cultura e membro numerario da Academia, Ramón Villares; do conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; do delegado do Goberno en Galicia; Samuel Juárez; do alcalde da Coruña, Carlos Negreira; do presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo; do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, ademais de numerosos membros de número e correspondentes da Academia e outras figuras da nosa cultura.

O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, deu comezo á súa alocución facendo referencia ao estreito vencello que une La Voz de Galicia e a Academia, iniciado xa en tempos de Manuel Murguía, Martínez Salazar e Juan Fernández Latorre coa publicación de "Biblioteca Gallega", así como á continuidade no tempo do compromiso do xornal coruñés no espallamento da nosa cultura exemplificada na publicación do libro Xosé María Díaz Castro, para alumear o mundo con motivo do Día das Letras Galegas deste ano, e engadiu: "O 17 de maio este país non conmemora ningún feito de armas, conmemora a palabra, a lingua que nos une a todos".

O director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela Conde, comezou o seu discurso cunha descrición da concepción da poesía de Díaz Castro, a quen definiu como un poeta telúrico, dotado dunha voz singular e un talento especial para dotar os seus poemas dunha construción elaborada e unha delicada musicalidade. Vilela Conde pasou logo a expor os contidos do libro editado por La Voz que conta, nas súas palabras, con dúas doas: unha escolma da poesía de Díaz Castro na que se recollen as súas propias composicións ademais de textos traducidos de autores franceses e alemáns, e o estudo introdutorio preliminar da man de Luís González Tosar, que achega unha visión clarificadora sobre a vida e obra do poeta dos Vilares.

Imaxe dalgunhas das autoridades asistentes ao acto
Imaxe dalgunhas das autoridades asistentes ao acto


Pola súa parte, González Tosar, editor do monográfico, logo de definir Díaz Castro, botando man das palabras que Xosé Luís Franco Grande lle dedicara a Nimbos no Grial nº 6 de 1964, como un poeta "fondamente galego e universal dotado dunha sorprendente modernidade", subliñou a importancia e a necesidade da difusión entre gran público da obra dos nosos principais autores: "Díaz Castro era ata hoxe un autor de gran valía e recoñecido aínda que só por parte dunha minoría, a partir do vindeiro sábado, milleiros de galegos e galegas poderán acceder por fin á súa obra, que era o único que lle faltaba".

Imaxe do público asistente ao acto
Imaxe do público asistente ao acto