Plenario da Academia en Celanova

O vindeiro sábado 9 de xuño, a Academia celebrará unha sesión plenaria extraordinaria en Celanova enmarcada na celebración do Ano Celso Emilio Ferreiro.
Retrato en primeiro plano de Celso Emilio Ferreiro
Celso Emilio (Imaxe propiedade da Fundación Curros Enríquez).

O Ano Celso Emilio Ferreiro, promovido pola Xunta de Galicia con motivo do centenario do nacemento do escritor que xa fora homenaxeado no Día das Letras Galegas de 1989, leva desenvolvido un amplo programa de actos culturais.

Reedicións das súas obras canónicas, recitais, producións audiovisuais, exposicións fotográficas, palestras e coloquios son algunhas das actividades levadas a cabo polo de agora. A Real Academia Galega quere participar activamente na homenaxe coa celebración dunha Sesión Plenaria Extraordinaria o 9 de xuño en Celanova, a vila do poeta.

A xornada dará comezo ás 11 da mañá coa recepción dos académicos no concello de Celanova. A seguir, ás 11:30, descubrirase unha placa conmemorativa na casa natal do poeta coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez, Antonio Mouriño Villar; e o fillo do homenaxeado, Luís Ferreiro Loredo.

Ás 12:30 terá lugar, no Auditorio Municipal Ilduara, a Sesión Plenaria da Real Academia Galega, onde disertarán sobre a figura homenaxeada os membros número Margarita Ledo Andión, Darío Xohán Cabana Yanes, Francisco Fernández Rei e Salvador García-Bodaño Zunzunegui, pechando a sesión o presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín.

O cantautor Amancio Prada poralle o albaroque á xornada cunha actuación na que recitará catro poemas musicados de Celso Emilio Ferreiro.

O convite á xornada pode descargarse aquí.