Parabéns desde a Comisión Europea polo 50 aniversario do Día das Letras Galegas

A comisaria europea Androulla Vassiliou felicita á Real Academia Galega polo 50 aniversario do Día das Letras e desexa un futuro de éxito á nosa lingua.

Nunha carta remitida á Academia, a Comisaria Europea de Educación, Cultura, Multilingüismo, Mocidade e Deporte, Androulla Vassiliou, recoñece o traballo desenvolvido pola corporación nestes 50 Días das Letras Galegas ao tempo que reivindica a diversidade lingüística e cultural como un dos "principios básicos" da Comisión Europea. "Unidade na diversidade é o lema da Unión Europea, e isto reflíctese de xeito nítido na variedade e na vivacidade das linguas de Europa".

Carta da Comisaria Europea, Androulla Vassiliou

Androulla Vassilou é Comisaria Europea de Educación, Cultura, Multilingüismo, Mocidade e Deporte desde 2010. Estudou en Londres Dereito e Relacións Internacionais e, alén de traballar como avogada no seu Chipre natal, foi dúas veces deputada nas Cortes nacionais chipriotas. Experta internacional en Dereitos Humanos, foi Comisaria de Sanidade, Vicepresidenta europea do Partido Liberal, Presidenta da Asociación Chipriota das Nacións Unidas e Presidenta da Asociación Mundial de Asociacións das Nacións Unidas, da que actualmente segue sendo presidenta honorífica.

Pódese descargar aquí unha tradución ao galego da misiva.