Ourense e Ferrol acollen os días 26 e 29 de outubro o ciclo sobre as Irmandades da Fala

As cidades de Ourense e Ferrol acollerán esta semana dous novos encontros do ciclo de mesas de debate No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos, unha das iniciativas da Real Academia Galega, abertas a todo o público, organizadas co gallo do centenario da fundación dun movemento que foi fundamental na dignificación da nosa lingua e na modernización da nosa cultura no primeiro terzo do século XX.

A mesa que se desenvolverá en Ourense terá lugar o mércores, 26 de outubro, e estará centrada na lingua e nas ideas lingüísticas nas Irmandades da Fala. Contará coas achegas dos académicos Henrique Monteagudo, Rosario Álvarez e Antón Santamarina, que estarán acompañados polo presidente da institución, Xesús Alonso Montero, quen actuará como moderador.

O encontro celebrarase a partir das 19.30 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel (rúa do Progreso, 30), onde pode verse ata o domingo 30 de outubro a exposición do centenario das Irmandades da Fala, Saúde e Terra, irmá(n)s!, coorganizada pola RAG. Rosario Álvarez desenvolverá o relatorio titulado Fagamos do cultivo do noso idioma unha relixión de homes dignos; Antón Santamarina, Galicia e Cataluña. Aproximación ó estudo dunha relación; e Henrique Monteagudo, Lingua nacional, idioma moderno. As Irmandades e a fala.

Rosario Álvarez profundará no programa das Irmandades da Fala a prol dunha lingua galega empregada en todo momento, soporte, situación comunicativa, estilo e temática; Henrique Monteagudo deterase, entre outros aspectos, na importancia que as Irmandades lle deron ao cultivo da prosa en galego, tanto de ficción como de non ficción, converténdose nos fundadores da prosa galega moderna e do galego culto dos nosos días; e Antón Santamarina referirase a algúns paralelismos e diferenzas entre Cataluña e Galicia naquel momento, no que Cataluña foi un espello no que se miraron os irmandiños.

O ciclo continuará o sábado, 29 de outubro, en Ferrol, na sede do Real Coro Toxos e Froles (rúa da Magdalena 220), coa mesa Imaxe e identidade. O académico Xesús Ferro Ruibal moderará o encontro que terá como convidados o debuxante Siro López, o deseñador Pepe Barro e a catedrática de Historia da Arte Contemporánea Victoria Carballo-Calero. Siro López desenvolverá unha intervención titulada Pequenas historias nas Irmandades ferrolás, na que falará da situación do galego en Ferrol antes, durante e despois das Irmandades. Barro ofrecerá De Céltiga a Zeltia, con Ferrol na orixe, unha viaxe de Ferrol ao Porriño, pasando por Buenos Aires, desde a colección de libros Céltiga á empresa farmacéutica Zeltia; e Victoria Carballo-Calero afondará no desenvolvemento das artes gráficas arredor das editoriais vinculadas ás Irmandades no relatorio Na busca de imaxes identificativas da galeguidade.

No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos arrincou o pasado mes de xuño na Coruña, onde rematará tamén en decembro tras pasar por Santiago de Compostela, Pontevedra, Viveiro, Ourense, Ferrol, Lugo e Vigo e contar coa colaboración de máis dunha trintena de expertos e expertas. Catro das nove mesas de debate do programa profundan no ensaio e na oratoria, no teatro, na narrativa e na poesía das Irmandades da Fala, eidos que protagonizan os catro primeiros volumes da colección Antoloxías da Academia, un novo proxecto da RAG que bota a andar completando as iniciativas arredor do centenario das Irmandades.