Os primeiros Xogos Florais de Galicia datan de 1861

A bandeira de Curros Enríquez, a Alborada de Veiga, O Vello do Pico-Sagro e o Álbum de la Caridad, entre as novas achegas.
Imaxe do enterro de Curros
Imaxe do enterro de Curros


O 2 de xullo de 1861 celebrábanse no Teatro Principal da Coruña os primeiros Xogos Florais de Galicia. Para evitar que o certame ficase no esquecemento unha vez rematado, López Cortón custeou un volume que recollía os traballos premiados e ao que se lle engadiría unha selección da poesía galega do momento. Así é presentado, desde a Biblioteca da Academia, o Álbum de la Caridad, publicado en 1862 pola imprenta do Hospicio Provincial da Coruña. O exemplar que se conserva nesta institución foi adquirido mediante compra o día 4 de xaneiro de 1913.

Desde o Arquivo publícase un comentario sobre a Alborada de Pascual Veiga, que presenta variacións importantes respecto da forma tradicional das alboradas, posuíndo unha estrutura máis complexa e presentando unha tonalidade diferente. A Alborada Gallega, ou Alborada de Veiga, estreouse durante os Xogos Florais de Pontevedra de 1880.

Por parte da Colección RAG, amósasenos a bandeira que cubriu os restos mortais de Curros Enríquez na súa derradeira viaxe, desde a Habana ata A Coruña, en marzo de 1908. Trátase da bandeira galega máis antiga que se conserva e, moi posiblemente, sexa a primeira feita en tea que ondeou na nosa terra.

O Vello do Pico-Sagro, editado na Coruña en 1860, é a publicación que achega a Hemeroteca. Constitúe a primeira publicación periódica monolingüe en galego e, malia a súa breve duración de só cinco números, O Vello do Pico-Sagro ocupa un lugar sobranceiro na historia da prensa galega.