Os 'Diálogos con Rosalía'

"Antes dos sete anos, aínda no meu Ribadeo natal, na apacible velada despois da cea, lía o pai a Rosalía. A mamai sabía de corrido as palabras da Sombra e a inquedanza do espírito na beira do Sar. Eu vislumbraba un mundo de misterios e mágoas que me poñía medo ou que me alporizaba de amor e de saudade". Luz Pozo Garza recorda así a súa primeira aproximación á poesía da escritora á que lle dedicou, en 1996, o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega como membro de número, Diálogos con Rosalía, dispoñible nesta ligazón. A autora fundacional das letras galegas contemporáneas deixou unha fonda pegada na obra da académica que poderá escoitarse tamén na homenaxe que a RAG lle rende este venres co gallo do seu 95 aniversario.

"Un diálogo é unha conversa. Fala a alma consigo mesmo en Platón para interpretar o pensamento. Agora conversamos dúas mulleres galegas nun diálogo, que é un acontecemento de libertade dos suxeitos. Rosalía fala e eu respondo. Ás veces van as voces ó unísono en amor e desvelo cando pregunto", expresa Luz Pozo no discurso. Nesta conversa, que mantén no seu ensaio e en distintas das súas obras, flúen versos como os que forman parte de "Verbas a Rosalía", do volume Concerto de outono (1981), convertidos polo compositor Gabriel Bussi, profesor violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia, nas "Tres cancións para Rosalía" que soarán este venres no salón de actos da Academia dentro do programa dedicado á poeta. Poderán escoitarse, nunha adaptación especial para a ocasion, na voz da soprano Patricia Rodríguez Rico acompañada do quinteto de corda Cimarrón, dirixido por Raymond Arteaga.

O discurso de Luz Pozo Garza foi a primeira intervención de entrada na institución escrita no código da poesía. O texto constitúe "un singular ensaio poético no que a autora se nos revela como unha gran rosalióloga, mellor aínda, como alguén que escribe sobre a vida e a poesía de Rosalía de Castro desde o seu mesmo logos", di no limiar de Rosalía de Castro na Real Academia Galega o académico Xesús Alonso Montero, que intervirá na homenaxe cunha análise sobre o amor na poesía da académica. A propia Luz Pozo define a escrita rosaliana como "talmente a substancia vital transmutada en palabras". "En Rosalía – máis ca noutros poetas- a escrita foi para ela a revelación do ser na conciencia. E foi CATARSIS e mesmo quizais unha auténtica terapia que pasou a ser unha gloria para Galicia", engade.

Luz Pozo salienta tamén nestas páxinas o vínculo que une as poetas galegas con Rosalía: "É a nosa precondición, que diría Jung. Dela herdamos o misterio da vida e acudimos a ela para facela partícipe das nosas confidencias". Seis destas herdeiras, Yolanda Castaño, Olga Novo, Pilar Pallarés, Olga Patiño, Eva Veiga e a académica Marilar Aleixandre, recitarán e comentarán versos de Luz Pozo na celebración dos seus 95 anos xunto a Xosé M.ª Álvarez Cáccamo e os académicos Xosé Luís Franco Grande, Salvador García-Bodaño e Manuel Rivas. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, abrirá o acto, no que tamén intervirá o escritor Claudio Rodríguez Fer, que achegará unha ollada global á obra da poeta, e a académica correspondente Olivia Rodríguez como condutora literaria.