Os 'Cadernos Ramón Piñeiro' dedican un número a Antonio Fraguas

Antonio Fraguas é o protagonista do novo número dos Cadernos Ramón Piñeiro. A publicación reúne achegas de máis de trinta persoas do mundo da cultura arredor da vida e da obra da figura homenaxeada este ano pola Real Academia Galega co gallo do Día das Letras Galegas. O presidente da institución, Víctor F. Freixanes, interveu onte na presentación do volume, no que participa cun artigo titulado Quintín de Borela. Homenaxe a don Antonio Fraguas, que viña desta parte do mundo. O acto celebrouse no Museo do Pobo Galego, do que Fraguas foi director e presidente.

A edición dos Cadernos Ramón Piñeiro XXXIX. Antonio Fraguas: laboris causa. Trigo limpo candeal correu a cargo dos profesores Luís Cochón e Justo Beramendi e contou coa colaboración de dez membros da RAG e de Ana Acuña, Luís Alonso Girgado, Emilio Araúxo, Carlos Baliñas, Guillermo Campos, Rafael Chacón, Caetano Díaz, Xosé Ramón Fandiño, Mar Fernández Vázquez, Xosé Fortes, Xosé Fuentes Allende, Xosé Carlos Garrido, David González Couso, Bieito Iglesias, Emilio Xosé Ínsua, Camiño Noia, Daniel Pino, Xabier Ron, Anxo Tarrío, Carlos Valle, Antón Vidal, Manuel Vilar e María Dolores Villanueva. O volume do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades inclúe ademais, a modo de presentación, unha lembranza de Antonio Fraguas asinada por Carlos García Martínez, director do Museo do Pobo Galego e académico correspondente falecido o ano pasado.

O último número dos Cadernos Ramón Piñeiro reúne ademais contribucións do presidente da Real Acasdemia Galeg e doutros nove membros da institución. Os membros de honra Nélida Piñon e Arcadio López-Casanova achegan unha lembranza persoal do homenaxeado e uns versos na súa memoria, respectivamente. O académico correspondente Clodio González Pérez traza a cronobiografía de Antonio Fraguas e os tamén membros correspondente Xosé Manuel González Reboredo e Gonzalo Navaza detéñense, respectivamente, no seu traballo como articulista divulgador da cultura galega e na orixe do nome do seu concello natal, Cotobade.

Outros membros de número da RAG participan igualmente no volume dende diversas perspectivas. Xosé Luís Axeitos analiza a documentación sobre o autor que se conserva na Academia dende que foi proposto o seu ingreso como membro correspondente (1941) e, máis adiante, como membro de número (1951), e Xosé Ramón Barreiro Fernández achégase ao "grande historiador e gran bibliógrafo" que foi. Francisco Díaz-Feirros Viqueira afonda na xeografía de Galicia e Manuel González González analiza a orixe do apelido Fraguas, probablemente ligada ao mesmo topónimo rexistrado no seu concello natural de Cotobade.