O XII Congreso da AIEG presentará achegas duns 200 investigadores de distintos países

A Asociación Internacional de Estudos Galegos celebra do 10 ao 15 de setembro en Madrid o seu XII congreso, onde preto de 200 investigadores e investigadoras de distintas partes do mundo presentarán traballos sobre a lingua, a cultura e a historia de Galicia. O programa ofrece achegas de especialistas consolidados xunto a contributos das novas xeracións investigadoras e inclúe estudos interdisciplinares e propostas innovadoras baixo o título "Novos horizontes para unha Galicia global: redes, territorio e memoria". O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, inaugurará o vindeiro luns na Casa de Galicia uns encontros nos que a institución tamén participa con dous relatorios, sobre toponimia e sociolingüística, e a coorganización dunha mesa redonda sobre redes. O académico Xesús Alonso Montero pechará o programa.
Cartel do congreso

As investigacións sobre transculturalidade, migración ou patrimonio experimentaron un importante auxe nos últimos anos, un emerxer na procura de novas perspectivas de análise e comprensión da realidade ante o que os estudos galegos non permanecen alleos. O XII Congreso Internacional da AIEG dará boa conta desta evolución nun programa que ao longo da vindeira semana abordará múltiples olladas á lingua, a cultura e a historia galegas, desde as ferramentas para o estudo dos textos galegos da Idade Moderna ou Galicia na historiografía arábe, ata análises da obra de escritores actuais como Pedro Feijoo ou Diego Ameixeiras ou a identidade cultural da diáspora galega en Londres na contemporaniedade.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, pronunciará o luns 10 de setembro a conferencia inaugural. Ese mesmo día, a institución tamén participará no programa con dous relatorios. Vicente Feijoo, membro do Seminario de Onomástica, exporá o titulado "Toponimia galega: símbolo da nosa memoria colectiva. O patrimonio cultural inmaterial vencellado ás TIC" e Lidia Gómez, colaboradora do Seminario de Sociolingüística, "O desprazamento lingüístico na xeración posmilenarista: o papel da familia".

Dentro da xornada do martes 11 de setembro, a Academia coorganiza a mesa redonda sobre redes, coordinada pola académica correspondente Olivia Rodríguez, quen acompañará nesta cita a tamén académica correspondente e profesora da Universidade de Buenos Aires Débora Campos, o académico correspondente e catedrático da USC Jorge Mira, a actriz Mabel Rivera e o músico Carlos Núñez. O diálogo terá lugar tras a conferencia do gaiteiro sobre o éxito da "marca celta" para a cultura galega.

Os estranxeirismos no Dicionario da RAG serán ademais o tema do relatorio que impartirá o venres 14 a profesora da Universidade da Coruña e académica correspondente María Dolores Sánchez Palomino, membro do Seminario de Lexicografía e redactora desta ferramenta.