O taller de Pondal

Imaxe dun manuscrito de Pondal
Manuscrito de Pondal


No arquivo da Real Academia Galega consérvanse numerosos fondos documentais de máis de sesenta intelectuais e escritores galegos dos séculos XIX e XX, como Fermín Bouza Brey, Xohán Casal, Manuel Curros Enríquez, Antonio e Francisco de la Iglesia, Manuel Leiras Pulpeiro, Andrés Martínez Salazar, Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Vicente Risco, Ramón Suárez Picallo, Pascual Veiga, Antón Villar Ponte, e moitos outros.

Nestes fondos podemos atopar os documentos que os seus antigos posuidores foron reunindo ao longo das súas vidas debido aos seus máis diversos traballos e necesidades. De aí que se atope entre eles case de todo: carnés, cartas, contas, fotografías, nóminas, notas, receitas, recibos, tarxetas de visita, telegramas, testamentos... Mais de todo este material, destacan, polo seu interese entre os investigadores, os manuscritos autógrafos das súas obras literarias, ensaísticas ou científicas.

Os manuscritos con textos que o autor deixou inéditos teñen un valor evidente ao permitirnos recuperar obras que no seu momento, pola razón que fose ou as circunstancias que se desen, non chegaron a se difundir publicamente. Porén, os orixinais de poemas, contos, artigos, etc., que foron publicados en vida do seu autor, tamén teñen importancia, especialmente se testemuñan obras sobranceiras na historia das nosas letras. Pero o que realmente queremos salientar é que grazas a todos eles podemos achegarnos ao taller do escritor, á súa mesa de traballo. O acto de creación é un proceso íntimo e persoal do que, normalmente, tan só coñecemos o resultado final. Emporiso, a conservación dos manuscritos e notas persoais dos autores posibilita o coñecemento dos diversos momentos e fases na elaboración e redacción dunha obra: os borradores previos, os textos xa revisados e corrixidos, así como as probas de imprenta cos últimos retoques.

Entre os fondos da institución, o de Eduardo Pondal ofrécenos abondosos exemplos das teimas creativas do bardo. De feito hai anos que o profesor Manuel Ferreiro publicou unha rigorosa edición crítica da poesía pondaliana, apoiada no estudo dos manuscritos conservados na Academia (Poesía galega completa, 4 t., Sotelo Blanco, 1995-2005).

Estes tres breves poemas forman parte da obra Queixumes dos pinos (citamos pola edición de Ferreiro):

Agora, meu corazón,
agora pola noitiña,
pola miñanciña non.
Ninguén nos pode estorbar...,
é ben soparada e soa
esta gandra de Gundar.

Os pinos fan doce son.
Nesta doce soedade
apértas'o corazón.
Non te poñas a tembrar,
meniña, non teñas medo,
que ninguén te quer matar...

Abonda ja d'oración...
Porque de min non te libran
nin Dios nin o demo, non.

No arquivo da Academia consérvanse tres manuscritos nos que aparecen os mesmos motivos desenvolvidos nos anteriores poemas. Segundo Ferreiro "o poeta pensou como un único poema o que logo decidiu dividir e incorporar definitivamente" ao dado ao prelo.

O primeiro que pode chamar a atención destes tres documentos é o seu medio ou soporte material. Pondal empregaba case sempre pequenas follas, de entre 12 x 9 ata 21 x 14 cm, que tendía a encher profusamente coa súa letra.

Nos manuscritos pódense observar os principais trazos da letra do poeta, así como as liñas do texto que, en ocasións, forman ángulo respecto ás marxes da folla ou mesmo camban, quizais por seren escritas en posicións incómodas ou inestables.

Ás veces o manuscrito vólvese ilexible, máis pola tendencia do autor a acumular riscos e escritos sobrepostos que polas características propias da letra.

Pódese observar, así mesmo, que nos textos abundan os borranchos, as variantes que se superpoñen ou se anotan na marxe da folla, así como as reiteracións dun mesmo verso que se reescribe con leves modificacións.

Deste xeito, grazas a estes borradores podemos albiscar os trazos do proceso creativo de Pondal. O bardo parece volver unha e outra vez sobre os seus versos tentando acadar a forma máis axeitada, máis poética. Os manuscritos mostran graficamente un acto de creación intelectual que non é o resultado dunha idea inmediata e luminosa, senón dun traballo continuo de forxa, de pescuda sen fin na procura da excelencia.