O símbolo oficial dos 50 anos

A imaxe quere trasladar o vencello afectivo coas nosas letras e a nosa lingua.

Segundo Pepe Barro, do Grupo Revisión, que realizou o deseño, "se se debuxa unha liña arredor dun L maiúsculo, a forma que se obtén de xeito natural é a dun corazón". O 'L' maiúsculo fai referencia ás letras, á lingua, ao libro e tamén ao número romano cincuenta, os 50 Días das Letras que conmemoramos este ano.

O corazón, na nosa cultura, é o símbolo do afecto, a emoción e o amor. As liñas que o arrodean transmiten a sensación de latexo, de vitalidade e de progresión. A cor vermella, de afouteza e decisión, remata o conxunto comunicacional.

Este logo, do que a Real Academia Galega autoriza expresamente o seu uso a quen queira participar na celebración do 50 aniversario da maior festa cultural do noso país, pódese empregar descargando este ZIP que contén versións en PDF e JPG.