O Puzo do Lago e o Puzo do Barco

O 14 de abril de 1949 finaba na Coruña o xornalista, poeta e lexicógrafo ribeirao, Eladio Rodríguez González, membro fundador e presidente da Real Academia Galega.
Eladio Rodríguez.
Eladio Rodríguez


Formado intelectualmente ao abeiro do círculo galeguista coruñés da Cova Céltica -organizado ao redor das figuras de Tettamancy, Lugrís Freire, Pondal, Martínez Salazar, Carré Aldado e, sobre todo, Manuel Murguía- as abondosas achegas do ourensán Eladio Rodríguez González (1864-1949) ao engrandecemento da cultura galega abranguen os ámbitos do xornalismo, a creación literaria e, nomeadamente, a lexicografía, eido no que foi autor dunha das obras de referencia na segunda parte do século XX: o Diccionario enciclopédico gallego-castellano, coñecido popularmente como "O Eladio".

No que atinxe ao seu labor estritamente literario, Eladio Rodríguez, homenaxeado o Día das Letras do 2001, foi protagonista dun feito singular na historia da nosa literatura: o de resultar premiado dúas veces consecutivas –o ano 1887 e o 1888- no mesmo certame poético, o de Betanzos, con dúas obras moi semellantes pola súa temática e o seu título: "O Puzo d'o Lago", merecente da Pluma de Plata no certame de 1887, e "O Puzo d'o Barco", Clavel de plata na edición de 1888.

No extenso primeiro poema, "O Puzo d'o Lago", que se pode descargar nesta ligazón, Eladio Rodríguez relata a lenda da aldea do Lago, no Carballiño, asolagada por intervención divina, mariana, en castigo pola impiedade dos seus veciños, que lle negaran auxilio a unha vella mendiga esfameada.

Na segunda composición, "O Puzo d'o Barco", de fondo contido patriótico e vindicativo, Eladio Rodríguez evoca a materia dos mitos clásicos do Lethes e de Caronte mediante a descrición dun dos tramos do río Limia ao seu paso polas terras de Entrimo que en tempos era cruzado por un barqueiro.