O Portal das Palabras abre o prazo de presentación de candidaturas á Palabra do Ano 2018

Xa queda menos para pecharmos 2018 e é hora de facer balance do acontecido. O Portal das Palabras convida un ano máis a cidadanía a facelo desde a forza da lingua participando na escolla da Palabra do Ano, o termo que mellor resuma ou identifique a realidade que dalgún xeito marcou os últimos doce meses. O prazo de presentación de propostas permanecerá aberto desde hoxe e ata o domingo 16 de decembro ás 23:59 horas nesta ligazón. Posteriormente, do 17 ao 25 de decembro, someteranse a votación os termos máis significativos e repetidos. O xoves 27 de decembro darase a coñecer a Palabra do Ano 2018.

O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a popularización da nosa lingua. Cada semana, desde esta plataforma ambas as institucións ofrecen xogos, vídeos e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. "A palabra do día" é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias. Dando un paso máis nesta dirección, desde 2014 convida a toda as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron escollidas afouteza (2017), irmandade (2016) -coincidindo co centenario das Irmandades da Fala-, refuxiados (2015) e corrupción (2014).

O traballo conxunto entre a Real Academia Galega e a Fundación Barrié permitiu tamén levar a cabo as últimas actualizacións do Dicionario da Academia, que fan posible un uso máis personalizado e interactivo, e o desenvolvemento de aplicacións para empregalo desde teléfonos móbiles e tabletas con sistemas iOS e Android.