O Paco Pixiñas e a banda deseñada en Galicia

Cartel do Paco Pixiñas
Cartel de Paco Pixiñas.


Neste comentario intentaremos argumentar por que as novidades introducidas por Isaac Díaz Pardo no deseño do cartel de cego realizado en colaboración con Celso Emilio Ferreiro e Isidro B. Maiztegui, que deu lugar a Cartel de Cego, Paco Pixiñas: historia dun desleigado contada por il mesmo, fixeron del un dos primeiros exemplos de banda deseñada galega.

Centrarémonos, pois, neste tema e non nos datos biográficos dos seus autores, sobradamente coñecidos xa, como tampouco nos deteremos na interesante historia de censura que acompañou o proxecto desde o seu inicio e que xa foi tratada con anterioridade.

O antecedente deste auténtico experimento multimedia foron os cantos ou romances de cego. Estas composicións eran interpretadas por unha persoa –o cego- que cantaba ou narraba historias de temática popular nas encrucilladas dos camiños, romarías, feiras ou en canta xuntanza grande de xente houbese polo país adiante.

Os cegos, que ás veces non o eran tanto, cantaban acompañados dun instrumento musical -violín ou zanfona fundamentalmente- a cambio dunha esmola, ou ben vendendo os pregos coas historias que acababan de cantar. Nalgúns casos tamén se axudaban de carteis, chamados "maltrañas", que ilustraban e facían máis atractivos os feitos narrados.

Os autores de Paco Pixiñas modificaron e modernizaron as ferramentas narrativas tradicionais do canto de cego coa intención de lexitimar e reivindicar, en primeiro lugar, a cultura popular propia, pero tamén os "xéneros artísticos menores". No tocante á parte da ilustración, Díaz Pardo ideou unha verdadeira banda deseñada que, co paso do tempo, se convertería no guión gráfico dunha posterior obra teatral levada a escena polo grupo de Teatro do Facho, institución cultural moi vinculada aos albores da banda deseñada galega, mediante a organización de diversos concursos e exposicións. O Paco Pixiñas foi un exemplo de experimentación estética, inédito na Galicia de 1970, no que, mediante o emprego de disciplinas artísticas non moi populares naquela altura, se tentou, e en boa parte conseguiu, que a súa mensaxe reivindicativa chegase ao gran público, creando unha galería de personaxes moi recoñecibles para o lector ou espectador.

Os argumentos polos que sostemos que Paco Pixiñas é unha das primeiras mostras de banda deseñada galega susténtanse no feito de que cumpre as condicións amplamente aceptadas por diferentes organismos vinculados á catalogación bibliográfica, entre eles a da Biblioteca Nacional Francesa, que define a banda deseñada como unha narración gráfica na que a historia se desenvolve mediante unha serie de debuxos relacionados entre si co fin de representar unha secuencia de feitos ao longo do tempo. No caso de Paco Pixiñas esta condición cúmprese plenamente, e marca unha clara diferenza co precedente dos carteis empregados nos cantos de cego tradicionais, meras ferramentas de acompañamento do canto, que era, á fin e ao cabo, o autentico sostén narrativo.

Outra condición que debe cumprir a obra é a de estar reproducida nun medio transportable que permita a súa difusión xeográfica, desligándoa así doutras tradicións artísticas con divisións en viñetas como vidreiras ou murais. Tamén esta condición é cuberta polo Paco Pixiñas, xa que, ademais de estar publicado en formato libro acompañando o texto musicado de Celso Emilio Ferreiro e Isidro B. Maiztegui, os primeiros cen exemplares dos dous mil tirados ían acompañados, ademais, dun gravado do cartel asinado polo propio Isaac Díaz Pardo, engadindo, deste xeito, outro mérito máis a este raro compendio artístico que é o Cartel de Cego Paco Pixiñas: historia dun desleigado contada por il mesmo.

A Isaac Díaz Pardo débeselle recoñecer, pois, entre as súas abondosas achegas á cultura galega, o mérito de ser un dos pioneiros no terreo da banda deseñada en galego. E, por conseguinte, o seu nome debería figurar a carón dos considerados precursores desta disciplina artística en Galicia, como Raimundo Patiño, Xaquín Marín, Xesús Castro, "Chichi" Campos ou os irmáns Díaz Arias.