O galego protagonizará a apertura da Small Cinemas Conference da man de Margarita Ledo

A lingua galega será a protagonista da apertura da Small Cinemas Conference, cuxa oitava edición terá lugar en Euskadi do 20 ao 22 de setembro baixo o título "Diversidade nos cines glocais: linguaxe, cultura, identidade". A académica Margarita Ledo impartirá a conferencia inaugural, dedicada ao cinema en linguas non hexemónicas, na que presentará a investigación que dirixiu sobre o dereito á versión orixinal subtitulada para que a dobraxe non silencie a lingua orixinal e achegará unha mostra do Novo Cinema Galego. Con esta e outras intervencións incluídas no programa, o congreso dá un paso moi significativo no recoñecemento dos dereitos das linguas minoritarias e minorizadas desde o eido das industrias culturais.
Margarita Ledo. Autor: Xosé Castro / RAG

Margarita Ledo Andión abrirá o día 20 de setembro, co relatorio "Repensando a diversidade: cinema en linguas non hexemónicas como síntoma", a Small Cinemas Conference (Congreso Internacional de Pequenas Cinematografías), unha cita posta en marcha en 2010 por académicos e académicas de distintos países que estudan cinematografías con pouca visibilidade. A Universidade do País Vasco UPV/EHU organiza a edición deste ano, que terá lugar en Bilbao e Donostia.

Ademais de ofrecer unha mostra do Novo Cinema Galego, Margarita Ledo reflexionará sobre a falta de medidas de apoio ao cinema en linguas minorizadas desde a UE, que suporía o desenvolvemento dunha política europea de financiamento específica para estas cinematografías ou a creación dun mercado e dunha marca de comunidades con linguas minorizadas. Neste contexto, afondará no proxecto de investigación "Intangible Cultural Heritage: For a European Programme for Subtitling in Non-Hegemonic Languages", que dirixe como catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela, e no que tamén participa o profesor e académico Henrique Monteagudo. O traballo conclúe que apostar pola versión orixinal subtitulada ten un impacto positivo tanto no acceso á mobilidade internacional das películas feitas en linguas minorizadas como na consideración do local como un elemento central nun xeito diferente de entender a diversidade europea, salienta a académica.

O 22 de setembro, cadrando coa apertura do Donostia Zinemaldia/Festival de San Sebastián, Margarita Ledo participará na mesa redonda sobre pequenas cinematografías, festivais de cine e mobilidade internacional que lle porá o ramo ao congreso. Xunto a ela profundarán nesta relación Ib Bondebjerg, profesor emérito do Departamento de Medios, Cognición e Comunicación da Universidade de Copenhague, e Dina Iordanova, catedrática de Estudos Cinematográficos da Universidade de Saint Andrews (Escocia).