O "epílogo" do Ano Filgueira Valverde xunta as achegas de vinte e un autores sobre o "último polígrafo"

Foi "o Google da época, todo o sabía". Con estas palabras resumiu onte o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, o perfil polifacético e erudito de Xosé Filgueira Valverde. Foi na presentación do número 376 do Boletín da institución, dedicado na súa parte monográfica ao "último polígrafo" da cultura galega. A publicación, que é "dalgunha maneira o epílogo" da celebración do Día das Letras Galegas dedicado ao intelectual pontevedrés en 2015, xunta as achegas de vinte e un autores que son boa proba das moitas especialidades que cultivou. E tamén constitúe "o mellor monumento" para recordalo, subliñou o seu fillo Fernando Filgueira, presidente da fundación que preserva o seu legado.

Pola esquerda, Fernando Filgueira Iglesias, Xosé Carlos Valle Pérez, Xesús Alonso Montero e María M. Álvarez Lires. Autor: RAG


O Museo de Pontevedra, institución dirixida durante décadas por Xosé Filgueira Valverde, acolleu a presentación do volume, coorganizada pola RAG, o propio Museo e a Deputación de Pontevedra. O director do Museo, Xosé Carlos Valle Pérez, agradeceu o "agasallo" que supuxo para esta institución ser a anfritioa do acto e salientou que a publicación amosa como para Filgueira Valverde e a xente da súa xeración "o tempo se multiplicaba". "Os que traballamos con el durante tempo abraiabámonos de que fose capaz de facer tantas cousas non sucesivamente, senón á par". Xosé Carlos Valle anunciou que o Museo de Pontevedra publicará proximamente o epistolario coa correspondencia entre Filgueira Valverde e Sánchez Cantón, unha nova fonte documental sobre o intelectual que achegará tamén "moitísima información" sobre a cultura galega.

O Boletín nº 376, recolle dezaoito comunicacións presentadas en novembro de 2015 no Simposio Filgueira Valverde na cultura galega do século XX e mais a conferencia inaugural desta cita, a cargo do académico de honra Arcadio López-Casanova. As alocucións pronunciadas polos académicos Víctor F. Freixanes e Francisco Díaz-Fierros Viqueira no acto central do Día das Letras Galegas de 2015, celebrado tamén no Museo de Pontevedra, completan a parte monográfica. O conxunto dos textos sobre o homenaxeado ocupa preto de 400 páxinas nas que vinte e un autores afondan na relación de Xosé Filgueira Valverde con Pontevedra; no seu labor institucional, desde o Seminario de Estudos Galegos á Fundación Barrié e o Consello da Cultura Galega; na obra literaria e filolóxica e no seu labor de editor, etnógrafo ou estudoso da temática xacobea.

Organizado pola Academia da man do Museo de Pontevedra, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Barrié, e apoiado pola Consellería de Cultura, o Simposio Filgueira celebrouse en Pontevedra, Santiago de Compostela e A Coruña. Ademais de coordinar a xornada sobre Filgueira Valverde e Pontevedra, Xosé Carlos Valle participou nel cun relatorio sobre a frutífera relación do polígrafo coa Fundación Barrié que tamén pode lerse no novo Boletín.

O volume inclúe igualmente o relatorio presentado no mesmo marco por María M. Álvarez Lires, un traballo sobre Sarmiento visto por Filgueira. Sobre este mesmo tema falou na mesa de presentación a profesora da Universidade de Vigo, quen a través de escritos de Xosé Filgueira Valverde (publicados e manuscritos inéditos), defendeu que os antecedentes do Seminario de Estudos Galegos non están en institucións alleas (como a Institución Libre de Enseñanza ou o Seminari d‘Estudis Cataláns), senón en Pontevedra e nos escritos de Sarmiento, cuxo "testamento", contido no Onomástico, decidiron executar o propio Filgueira e Sánchez Cantón. "Os dous consideráronse herdeiros do espírito de Sarmiento e sentíronse na obriga de intentar executar o seu plan, e para iso necesitábase unha institución", expresou María M. Álvarez Lires, que aproveitou a ocasión para reivindicar publicamente financiamento para a Cátedra Filgueira Valverde da Universidade de Vigo.

Fernando Filgueira: "este é o mellor monumento"
O presidente da Fundación Filgueira Valverde, Fernando Filgueira, arrincou a súa intervención felicitando o Museo de Pontevedra pola concesión dun dos Premios da Cultura Galega 2016 e agradeceulle deseguido á Academia tanto a celebración do Simposio Filgueira Valverde como a publicación dos traballos expostos naquel encontro. "Hoxe temos a honra de recibir en Pontevedra este espléndido volume que pon brillante final ao que foi o ano das Letras Galegas 2015, que nos encheu de fonda alegría e agradecemento. De seguro que non hai mellor monumento para lembrar unha persoa como foi Filgueira Valverde que un libro no que se recolla o que foi, o que fixo e o que achegou para o enaltecemento da cultura galega e cumprir o seu anceio de facer país", concluíu.


Público asistente á presentación no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Autor: RAG


Outros contidos
O Boletín 376 xunta tamén os relatorios presentados nos encontros literarios que tiveron lugar en 2015 para homenaxear aos escritores e académicos Xosé María Álvarez Blázquez (en Tui), Xaime Isla Couto (en Vigo) e Ramón Piñeiro (en Lugo) co gallo dos seus centenarios. O mesmo acontece coa celebración do centenario do Vento mareiro de Ramón Cabanillas en Cambados e co acto no que a RAG honrou a Eduardo Pondal en Ponteceso.

Por último, o apartado dedicado á vida oficial da RAG inclúe, entre outros textos, a necrolóxica de Xosé Neira Vilas, escrita por Xesús Alonso Montero, e a de Xosé Fernández Ferreiro, asinada por Manuel Rivas.