O Dicionario pechou 2019 cunha media de máis de 70.000 buscas diarias

O Dicionario da Real Academia Galega superou en 2019 os 25,8 millóns de buscas, unha cifra que representa unha media de máis de 70.000 diarias e reflicte a evolución positiva desta ferramenta esencial da lingua galega. Con respecto a 2018, significa un incremento do 18,3 % e sitúase por riba do 26 % se se compara cos resultados de 2017. Ese ano o Dicionario acadou por primeira vez máis de 20 millóns de consultas, unha marca mellorada substancialmente vinte e catro meses despois sen ter en conta as procuras realizadas a través das aplicacións para dispositivos móbiles.

Como en ocasións anteriores, entre as palabras máis buscadas aparecen diversos termos que constatan un uso do Dicionario non só para coñecer o significado das palabras senón tamén para resolver dúbidas ortográficas. É o caso de só, mais, botar, présa ou fóra nunha listaxe na que tamén aparecen outros termos como parotidite, porén ou asemade.

O Dicionario, en constante revisión e ampliación, tamén medrou no número de entradas e achégase ás 60.000. O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega incorporou o ano pasado un total de 201 novos lemas e introduciu cambios en máis de 800, froito do traballo interno e do diálogo coa comunidade de usuarios e usuarias do Dicionario, que fan chegar as súas suxestións a través da lapela "Axúdanos a mellorar" que se desprega en cada entrada e outras vías telemáticas. Deste xeito, nos últimos doce meses entraron no Dicionario termos relacionados co mundo do deporte como estaxe ou paralimpíada; de crecente uso nos discursos sobre a igualdade como feminización, visibilizar, sororidade ou nesgo; vinculados ao mundo dos negocios como franquiar ou márketing; vocábulos das artes e dos espectáculos como pano de boca ou ópera bufa; termos relacionados coas tecnoloxías da información e da comunicación como libro electrónico, memoria tobo ou podcast; e outros como apósito adhesivo, cotiandade, composteiro ou meme.

O Dicionario da Real Academia Galega está dispoñible na páxina web da institución e a través do Portal das Palabras, o proxecto de divulgación do noso léxico posto en marcha en colaboración coa Fundación Barrié, que apoia ademais a actualización tecnolóxica do Dicionario e das súas aplicacións para iOs e Android.