O Dicionario incorpora a busca directa de palabras polo feminino

O Dicionario da Real Academia Galega permite desde hoxe buscar directamente as palabras con variación xenérica pola forma en feminino, tanto a través da páxina web da RAG como do Portal das Palabras. A Academia responde así a unha demanda reiterada por parte dos usuarios e usuarias despois de poñer a proba esta novidade no DicionarioLab, un novo espazo web que funciona como auténtico laboratorio de probas, aberto á participación colectiva, de todas as novidades e melloras que se incorporarán ao Dicionario.

O proxecto de colaboración entre a Real Academia Galega e a Fundación Barrié en materia lexicográfica puxo en marcha DicionarioLab o pasado 8 de marzo, Día Internacional da Muller, animando os seguidores e seguidoras a experimentar coa utilidade de procuras polo feminino. Ata o momento, cando se introducía no Dicionario un termo en feminino naquelas palabras con variación xenérica (substantivos e adxectivos) a resposta remitía ao lema en masculino. Por exemplo, ao procurar a palabra muiñeira respondíase "Véxase muiñeiro". Coa actualización que estrea hoxe, o Dicionario ofrecerá directamente a definición do lema feminino.

Tras avaliar con éxito esta novidade, DicionarioLab estrea hoxe outra proba que permite experimentar coa procura de palabras por categorías gramaticais, moi demandada por lingüistas e outros colectivos profesionais como o da tradución. Poderase así buscar palabras escollendo entre as clases que sinalan a maioría das gramáticas xerais: substantivo, verbo, adverbio, adxectivo, artigo, contracción, conxunción, demostrativo, exclamación, indefinido, interrogativo, interxección, locución, numeral, participio, posesivo, preposición, pronome e relativo. Poderase concretar tamén o xénero e mais outras especificacións de categoría (como o tipo de locución) ou sintácticas (por exemplo, verbos transitivos, intransitivos ou pronominais).