O Dicionario da Real Academia Galega rexistra 55.000 consultas diarias e supera os 15 millóns no que vai de ano

O Dicionario da Real Academia Galega é cada vez máis unha ferramenta cotiá indispensable da lingua galega. O traballo de actualización permanente e as novas vías abertas para favorecer a interacción cos usuarios e usuarias, desenvolvidas co apoio da Fundación Barrié, quedan reflectidas no notable incremento das consultas recibidas nos últimos meses ata achegarse ás 55.000 consultas diarias. Estes días superou a cifra dos 15 millóns de buscas rexistradas desde o 1 de xaneiro de 2017 a través da páxina web da Academia e do Portal das Palabras, mellorando así, cando aínda faltan dous meses para que remate o ano, os 14,4 millóns de consultas coas que pechou 2016. A esta cifra hai que sumarlle unhas 1,6 millóns de visualizacións -máis do dobre que en todo 2016- das aplicacións do Dicionario para Android e iOS, que suman case 70.000 descargas.

Tendo en conta esta evolución, é probable que o Dicionario conclúa este exercicio chegando aos 19 millóns de buscas. O número de usuarios únicos tamén medra: son máis de 873.700 en dez meses, por riba dos 867.555 contabilizados durante todo o 2016.

A RAG estreou en 2013 a versión dixital do seu Dicionario, que ofrece máis de 56.000 termos que poden ser consultados a través da páxina web da Academia, academia.gal, e do Portal das Palabras, unha iniciativa para a modernización do traballo lexicográfico e a difusión da nosa lingua compartida coa Fundación Barrié. O traballo conxunto entre ambas as institucións permitiu levar a cabo as últimas actualizacións do Dicionario, que fan posible un uso desta ferramenta máis personalizado e interactivo, contribuíndo á formación dunha comunidade participativa e dinámica composta polas persoas que cada día envían os seus comentarios e propostas. Un dos medios para facelos chegar é a lapela "Axúdanos a mellorar", visible ao final da defición de cada termo. A incorporación da busca directa de palabras na forma feminina foi outra das novidades posta en marcha este ano, cadrando coa celebración do pasado 8 de marzo, Día da Muller.

Aplicacións móbiles e bot para Facebook
Outra vía de acceso ao Dicionario son as aplicacións desenvolvidas para teléfonos móbiles e tabletas con sistemas iOS e Android. Ademais de permitir consultar o significado das palabras, dan tamén acceso desde calquera móbil ou tableta aos xogos interactivos e outros recursos lúdicos e didácticos de lexicografía que ofrece o Portal das Palabras. O Dicionario dispón ademais dun bot para Facebook que define termos por medio do Messenger desta rede social.