O delegado do Goberno visita a RAG

O presidente da Real Academia Galega recibiu hoxe na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña, a visita do delegado do Goberno de España en Galicia. Víctor F. Freixanes agradeceu en nome da Academia a visita de Javier Losada, con quen mantivo unha xuntanza na que abordaron as necesidades da RAG e a importancia de apoiar as linguas do Estado. O delegado do Goberno interesouse polos recursos que precisa a Academia e comprometeu o seu apoio ante o Goberno central para que reciba o financiamento que merece como entidade que traballa a prol do idioma propio, "que é o que nos identifica como galegos e galegas".

O delegado do Goberno, Javier Losada, xunto ao presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, tras asinar no libro de honra da institución. Fonte: RAG


"Agradecemos a visita do delegado do Goberno e teremos oportunidade de conversar sobre as necesidades da RAG e da posibilidade de que o Estado entenda a significación dun patrimonio común que non é só dos galegos, senón do conxunto dos españois", salientou Víctor F. Freixanes, a preguntas dos medios de comunicación, momentos antes do encontro. "Hoxe quero trasladarlle ao presidente da Academia e a todos os seus membros, pero sobre todo a todos os galegos, a importancia de facer da nosa lingua un elemento de identidade, solidariedade, cooperación e de facer Galicia, de facer país", expresou deseguido Javier Losada.

O delegado do Goberno comprometeuse ademais a darlle á Academia "todo o soporte" posible ante os diferentes ministerios para que "teña o financiamento adecuado e o tratamento que merece unha comunidade histórica como é Galicia e esta lingua que nos une".

A rehabilitación do edificio da Academia foi un dos temas sobre o que conversaron os responsables de ambas as institucións. A actuación conta desde hai anos co compromiso do Ministerio de Fomento, que a comezos de 2018 resolveu o concurso de definición do proxecto arquitéctonico. O presidente da RAG manifestou á prensa a súa confianza en que o proceso siga a súa marcha unha vez constituído o novo Goberno e que conte co financiamento preciso nos vindeiros Orzamentos do Estado.