O cupón da ONCE do 9 de marzo lembrará o Pondal no centenario do seu pasamento

Eduardo Pondal protagonizará o cupón da ONCE do vindeiro xoves 9 de marzo. Cinco millóns e medio de cupóns lembrarán a figura do autor do poema os "Os pinos", que dá a súa letra ao Himno galego. A Real Academia Galega acolleu este mércores a presentación desta iniciativa, que conmemora o centenario do falecemento dun dos pais do Rexurdimento das Letras galegas, acontecido na Coruña o 8 de marzo de 1917.

Pola esquerda, Manuel Martínez Pan, José María Varela Martínez, Xesús Alonso Montero, Carlos Fernández Lamigueira e Xosé Lois García Carballido. Autor: RAG


O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, acompañou na presentación ao delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan; o presidente da Fundación Eduardo Pondal e alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido; o xerente da Fundación, José María Varela Martínez; e o presidente do consello territorial da ONCE en Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro.

Unha fotografía do poeta nos seus anos de mocidade conservada no Arquivo da RAG ilustra o cupón. "É o Eduardo Pondal novo e romántico do Banquete de Conxo, que é o que a min máis me gusta", destacou Xesús Alonso Montero na véspera do aniversario do xantar de irmandade que xuntou en 1856 estudantes universitarios e obreiros. O presidente da Academia felicitouse ademais de que o autor "dos versos máis recitados da literatura galega", en referencia á letra do Himno, poida así ser coñecido por primeira vez por persoas de todo o territorio do Estado.

Na mesma liña, o alcalde de Ponteceso e presidente da Fundación Eduardo Pondal agradeceulle á ONCE que o nome da vila e do seu bardo percorra a xeografía española cos 5,5 millóns de cupóns que se porán á venda o 9 de marzo.

O delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, sinalou que coa celebración de efemérides como o centenario do pasamento de Eduardo Pondal a ONCE amosa a "sensibilidade desta organización polos feitos culturais", que ten no cupón o seu "instrumento de presentación na sociedade".