O Concello de Santiago recibe o alumnado dos cursos "Galego sen fronteiras"

O alcalde de Santiago de Compostela recibiu hoxe no Pazo de Raxoi os alumnos e alumnas dos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras". Martiño Noriega deulles a benvida á que, valorou, é "a cidade máis galega e máis internacional" de Galicia e agardou que tras esta estadía en Compostela exerzan "de embaixadoras e embaixadores deste país". Na recepción tamén participaron membros da corporación local, o profesorado, os codirectores dos cursos, Henrique Monteagudo e Xosé Luís Regueira, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes.

Foto de familia dos participantes na recepción do alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" no Pazo de Raxoi. Fonte: RAG


Os cursos "Galego sen fronteiras" xuntan este ano en Santiago, do 2 ao 24 de xullo, 75 estudantes procedentes de vinte e catro países de Europa, América, África e Asia e de cinco comunidades autónomas. Esta iniciativa, organizada pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da USC co apoio da Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, botou a andar en 1988 e desde os comezos desenvólvese en Compostela, unha cidade que exerce a súa condición de galega "con naturalidade e de maneira orgullosa", salientou o rexedor. Martiño Noriega referiuse tamén ao carácter "aberto e inclusivo" dunha urbe afeita a recibir desde fai séculos a través do Camiño a persoas, como o alumnado dos cursos, de países moi diversos. "Por iso coido que é o mellor lugar para celebrar estes cursos, que me parecen unha iniciativa espectacular", engadiu.

O presidente da Real Academia Galega coincidiu co alcalde na importancia do papel que xoga o alumnado do programa "Galego sen fronteiras" na proxección da lingua e da cultura galegas no exterior. "Sei que sodes unha aposta de futuro", expresou Víctor F. Freixanes, quen agradeceu o recoñecemento do Concello de Santiago de Compostela a "unha iniciativa que cada ano ten máis forza". Na mesma liña, Henrique Monteagudo destacou que estes cursos axudan a que os alumnos e alumnas creen lazos tanto co país coma entre eles, sempre positivos para a cultura galega.

Máis imaxes da recepción no Pazo de Raxoi nesta ligazón.