O canto do poeta da chaira á súa terra

No outono de 1953 Manuel María anunciaba o comezo dun novo camiño "de sinxeleza na poesía" co seu cuarto libro, Terra Chá. Os versos das obras anteriores, que reflectían a crise relixiosa e existencial que sufrira o poeta, deron paso ao canto á chaira luguesa, a un regreso en forma de poesía á terra na que nacera e se criara. Un claro exemplo desta liña é "O carro", un dos poemas máis populares de Manuel María, convertido en canción por Fuxan os Ventos.
Terra Chá
Cuberta da segunda edición de Terra Chá.

Terra Chá publicouse por primeira vez no ano 1954 cun total de cincuenta e cinco poemas. Ademais de engadir vinteseis, na segunda edición, de 1967, o poeta introduciu importantes modificacións en boa parte dos poemas da primeira, que el mesmo definiu como "un simple e pobre borrador". Naquel momento, Manuel María presentaba o libro, "lírico e descritivo", como un dos que máis amaba."Por iso dá a luz esta nova edición, corrixida e aumentada", engadía xusto antes do prólogo de Ánxel Fole. "O carro", reproducida abaixo, foi unha das composicións que experimentou importantes cambios.

Ao longo das páxinas de Terra Chá, Manuel María cantoulle á paisaxe da súa terra, ás súas xentes, aos animais ou ás árbores. "Son a materia da súa nova poesía, o que significa un retorno ás orixes, ás esencias líricas do vivir e metros populares", indica Camilo Gómez Torres en Manuel María: os traballos e os días (Laiovento, 2001). O escritor de Outeiro de Rei usa nesta obra a estética popular, a palabra patrimonial e a recursividade tradicional "para cantar a Chaira como a Chaira canta", salienta o experto.

O carro
Non canta na Chá ninguén.
Por iso o meu carro canta.
Canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta.

Non hai canto tan fermoso,
fino como un asubío.
Anque é ás veces saudoso,
faise no ar rechouchío.

O meu carro é cerna dura,
sábese carballo e freixo.
Que fermosa a súa feitura!
Que lixeireza a do eixo!

As cousas vanse aledando
por onde o meu carro pasa.
Carrétame herba pró gando,
Traime a colleita prá casa.

Sinatura do autor
Sinatura do autor no exemplar da segunda edición de Terra Chá
dedicado á Biblioteca da Real Academia Galega