O alumnado do instituto arxentino galego Santiago Apóstolo visita a Academia

Un ano máis, a Real Academia Galega abriulle hoxe as portas a un grupo de alumnas e alumnos do instituto arxentino galego Santiago Apóstolo. A académica Fina Casalderrey, membro da executiva da institución, deulles a benvida a dezaoito estudantes do centro porteño, acompañados dos profesores Santiago Tomás Hellers e Marina Cordeiro, en nome da corporación. Os visitantes puideron coñecer despois a biblioteca e o arquivo da RAG, así como a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.

Fina Casalderrey amosa ao alumnado o manuscrito d'A man de santiña de Cabanillas. Fonte: RAG


"Que diriamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Gloria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do Mestre Mateo". Con este fragmento dun dos célebres discursos de Castelao, lido en Buenos Aires, recibiu na "casa da lingua galega" a académica Fina Casalderrey ao alumnado e profesorado do centro arxentino, de visita na Coruña tras coñecer na fin de semana Santiago de Compostela e Vigo.

Durante a visita guiada á RAG, puideron apreciar exemplares destacados da biblioteca da institución, entre eles primeiras edicións de títulos como Cantares gallegos de Rosalía, Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas ou exemplares de publicacións periódicas como O vello do pico Sagro, Galicia Emigrante de Luís Seoane ou a revista Nós. Unha carta partida do século XII, o primeiro dicionario da RAG ou o prólogo manuscrito de La Tribuna de Emilia Pardo Bazán ou o manuscrito d'A man de santiña de Cabanillas son outras das pezas de valor conservadas no arquivo que tamén puideron contemplar.