O 17 de maio á outra beira do Atlántico

No barrio de Balvanera, na capital de Arxentina, o Día das Letras Galegas continúa ata o vindeiro 12 de xullo. Nesa xornada o Instituto Santiago Apóstol representará, xusto antes das vacacións de inverno, Lela anda en bicicleta, unha versión teatral do Lolo anda en bicicleta de Carlos Casares e todo un símbolo do vivas que seguen as letras e a cultura galegas na Galicia alén mar. A piques de concluír o mes por excelencia das Letras Galegas, repasamos estas e outras iniciativas arredor deste 17 de maio promovidas desde América.

Nenos e nenas do nivel inicial do Instituto Santiago Apóstol traballando nun animalario fantástico a partir da obra de Carlos Casares


Aproveitando a celebración da 43º edición da Feira Internacional do Libro de Buenos Aires, o alumnado do Instituto Santiago Apóstol contou neste mes de maio coas visitas de escritores de distintas xeracións, desde Luís González Tosar e Antón Riveiro Coello a Inma López Silva e Andrea Maceiras. Pero o centro educativo profunda nestas datas na figura homenaxeada pola Real Academia Galega. "Nas aulas os nenos e nenas, mozos e mozas, estanse achegando á figura de Carlos Casares e todos os traballos desenvolvidos culminarán o 12 de xullo cun grande acto no salón de actos Valle Inclán do Centro Galicia coa representación de Lela anda en bicicleta", conta o director xeral do centro, Carlos Brandeiro. Os estudantes de 1º grao afondaron nas páxinas de A galiña azul, os de 4º contaron na aula cun dos seus personaxes, a formiga esquiadora, e os de máis idade poden achegarse directamente ás súas obras nos "recreos literarios", engade.


A escritora Andrea Maceiras dedicando un dos seus libros ao alumnado do Instituto Santiago Apóstol


Estas iniciativas teñen como protagonistas quen son o futuro da lingua e da cultura galegas na chamada quinta provincia, pero Buenos Aires e outras provincias arxentinas acolleron máis. Delas dannos conta Carlos Brandeiro e a profesora universitaria Débora Campos, ambos membros correspondentes da RAG residentes na capital porteña.

Celebracións en distintos puntos de Arxentina
O propio Día das Letras Galegas o Centro Galicia de Buenos Aires acolleu unha lectura colectiva aberta ao público de textos de Carlos Casares. Os participantes puideron compartir as súas experiencias como lectores das súas obras e ver unha exposición de libros do autor. Dous días despois, o Centro Galego de Buenos Aires escolleu o Teatro Castelao como escenario da velada cultural organizada para conmemorar esta data. O xornalista Ramón Suárez O Muxo foi o encargado de ofrecer un relatorio sobre Carlos Casares e o coro da institución, dirixido por Gabriel Lage, púxolle o ramo musical á noite. Días antes, o presidente do Pen Club Galicia, Luís González Tosar, ofreceu o seu retrato de Casares nunha conferencia pronunciada na Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina.


Lectura colectiva de textos de Carlos Casares no Centro Galicia de Buenos Aires


Fóra da capital pero aínda na provincia de Buenos Aires, a narrativa infantil centrou a homenaxe do Centro Galego de Azul, que organizou o pasado 20 de maio un encontro no Hogar Sagrado Corazón no que os nenos puideron escoitar contos de Casares. Ese mesmo día, o Centro Galego de Mar del Plata celebrou a Romaría Día das Letras Galegas, con actuacións musicais e unha disertación sobre o escritor, mentres que o Centro Galego de La Plata elixiu a fin de semana anterior para a súa celebración.

Carlos Casares tamén foi homenaxeado este mes noutras provincias arxentinas. No Centro Galego de Santa Fe (Santa Fe), a súa narrativa e a poesía de Paulina Riera, santafesina de orixe balear, déronse a man nunha noite de camaradería entre socios e colaboradores. No Centro Galego de Rosario (Santa Fe) a profesora galega Almudena García Castrillo achegou o público á vida e á obra do autor cunha conferencia multimedia que se completou coas actuacións do grupo Cantareiras Alumea, a banda de música tradicional Leira do Son e o corpo de baile tradicional do centro.

De Montevideo á Habana
A Casa de Galicia de Montevideo acolleu o 17 de maio a festa do Día das Letras Galegas organizada por esta entidade e o Centro Social e Cultural Bergantiños. Ismael Martínez foi neste caso quen impartiu unha charla sobre Carlos Casares antes de dar paso á música e o baile tradicionais.

As Letras Galegas contaron igualmente con festa propia no Caribe. A Federación de Sociedades Galegas de Cuba xuntou as máis de corenta entidades galegas da Habana o pasado 20 de maio. O presidente da Asociación Progreso de Coles, Blas Nobel Fraile Romero, ofreceu a síntese biográfica de Casares que abriu o acto, no que tamén se recordou a Xosé Neira Vilas e tampouco faltou a música.

En Brasil desenvolvéronse iniciativas como a da Universidade de São Paulo, onde o Centro de Estudos Galegos convidou o 17 de maio ao profesor Gabriel Torres Madureira a impartir unha conferencia sobre o autor homenaxeado.

En Norteamérica, a Casa de Galicia de Nova York recordou o escritor nunha festa celebrada o pasado domingo, 21 de maio. Nesta ocasión foi o profesor do Brooklyn College - City University of New York Alejandro Alonso quen pronunciou un relatorio sobre Carlos Casares. A música puxérona o coro de Casa de Galicia e a banda de gaitas Terra A Nosa.