'Nocturno', de Luís Pimentel

Neste poema de Luís Pimentel (Lugo, 1895-1958) aparece tratado un dos temas máis recorrentes na súa escrita, o das flores na noite.
Praza Maior de Lugo
Imaxe da Praza Maior de Lugo na que naceu o poeta, o 18 de decembro de 1895


Sobre este tópico, o poeta Ramiro Fonte, editor do libro Poesía galega (Xerais, 1989) do que tiramos a peza transcrita máis abaixo, declara o seguinte: "E na noite pimenteliana só existen as fontes, as rosas, os pianos enloitados. Acontece que por máis que non haxa hora do día na que se ubiquen espaciotemporalmente os versos, podemos asegurar que existe un predominio da sensualidade, do sombrizo. A noite ocupa a estraña sensualidade dos xardíns, pero tamén os seus salóns fechados, envisos, lenemente recargados de cousas fermosas e das preguntas á dor".

NOCTURNO
Falaríasme ti agora das rosas
sen voz e espidas na noite
-ti, o garrido amigo
dos cursis poemas-,
porque eu estou dentro
dunha maciza torre,
emparedado de sombras.

Sei que non estou no xardín,
a rentes da casa,
esluída no aire escuro.

Virías como aquel Jean Borliu,
co seu cinguido traxe de veludo negro,
ou espido coma un xunco de ouro.
Ti, capaz de arredar as sombras
e de cortar as rosas na noite,
portador nas túas maos tristes
dun brillante paxaro de prata.

¿Que máis podes desexar,
ou, meu garrido e cursi amigo?

A noite, as rosas, o fermoso estanque
e ela morta na súa alcoba.

Ela, co seu pelo en silencio,
dentro do seu traxe de dura seda.
Ti poñeríaslle as frías sortellas,
calzaríaslle os escarpíns,
porque aínda teñen luz os seus pés espidos.

Cúbrea de rosas e de ébano
porque a noite é iso.

¡Ou, meu garrido amigo,
fai que cante nas túas tristes maos
ese brillante paxaro de prata!

Luís Pimentel foi o protagonista do Día das Letras Galegas de 1990.