Nace a Biblioteca de Mesopotamia, especializada na literatura da Ribeira Sacra

A pinacoteca do Colexio Nosa Señora da Antiga, en Monforte de Lemos, acolleu o pasado sábado a presentación da Biblioteca de Mesopotamia, o novo selo editorial especializado na literatura relacionada coa Ribeira Sacra. A colección, que bota a andar cos Contos de Mesopotamia de Ánxel Fole, conta co apoio da Real Academia Galega, entre outras institucións. A académica Margarita Ledo interveu no acto en representación da entidade.

A Biblioteca de Mesopotamia nace impulsada polo escritor e editor Antón Lopo e o deseñador Manolo Martínez desde a editorial Chan de Pólvora co propósito de difundir a cultura e os autores da Ribeira Sacra, na que conflúen os ríos Miño e Sil. "Entre os nomes das persoas que se deixaron engaiolar pola Mesopotamia galega, podemos atopar os míticos trobeiros, a Cervantes, Blanco Amor, Vicente Risco, Uxío Novoneyra ou Ánxel Fole", salientan os promotores, que tamén pretenden contribuír con este selo á candidatura da Ribeira Sacra para acadar a declaración de Patrimonio da Humanidade.

A edición dos dez relatos que conforman os Contos de Mesopotamia de Fole que abre a colección conta cunha introdución de Claudio Rodríguez Fer na que explica a relación entre a paisaxe da Ribeira Sacra e Ánxel Fole, quen pasou parte da súa vida en Quiroga. O volume inclúe un índice xeográfico coa toponimia e a historia dos diferentes emprazamentos da zona.

A Biblioteca de Mesopotamia presentará un novo título cadra catro meses. Ernesto Guerra Dacal, Lois Pereiro, Emilio Araúxo, Manuel María ou Góngora (quen tivo como mecenas o VII conde de Lemos) son outros dos autores aos que se achegará o proxecto.


A académica Margarita Ledo, sétima pola esquerda, participou na presentación da Biblioteca de Mesopotamia. Fonte: Chan da Pólvora