Miguel González Garcés, o mineiro de luz

Tal día coma hoxe hai cen anos, o 12 de xaneiro de 1916, nacía na Coruña Miguel González Garcés. Como moitos poetas da súa xeración, a de 1936, foi primeiro creador bilingüe, pero a partir de finais dos anos 60 pasaría a producir todos os seus versos en galego. Director da biblioteca pública do Estado herculina durante catro décadas, foi membro correspondente da Real Academia Galega desde 1957, dirixiu a revista Nordés na súa primeira etapa e foi un dos impulsores de Atlántida. González Garcés desenvolveu tamén un importante labor como articulista, crítico e investigador da historia da Coruña.
Miguel González Garcés.

Poesía non para recitar, senón para ler desde moi adentro. Así vía os versos de Miguel González Garcés o hoxe académico de honra Basilio Losada, segundo el mesmo lle comentaba por carta. "Eu, nestes libros últimos teus, a partir concretamente de Craridade, vexo en ti un dos poetas máis sólidos e importantes da Galicia de hoxe e de sempre. Unha voz segura, cunha técnica refinadísima, cunha cultura –unha masa de experiencias de lector– que se transparenta verso a verso, sen pedanterías nin culturalismos impertinentes", confesáballe Losada en 1984.

Cinco anos despois, o 12 de decembro de 1989, o poeta coruñés finaba xusto o mesmo día en que se presentaba a súa derradeira obra, Un nome só na néboa, o libro "máis radicalmente sentido de todos os de Garcés" en palabras de Xulio L. Valcárcel, unha das persoas que interviñeron naquel acto. Morría o "mineiro de luz", como o quixo retratar para a posteridade, cun verso do propio Garcés, Antón Avilés de Taramancos

Bailada dos Anxos, o seu primeiro poemario en galego, saíu á luz na colección Salnés de Galaxia en 1961. Todos os que lle seguiron manterían en certa maneira unha continuidade característica, xulgaba Francisco Fernández del Riego na súa achega a Homenaxe a Miguel González Garcés. Aínda que con enfoques distintos, Poemas ó meu mar (1969), Poemas a Albertiño (1970), Claridade en que a tentas me persigo (1977) e Sede e luz (1986) reflicten a peculiaridade do seu acento, advertía o académico. "Illándose do mundo realista, encabalga o sanguento interior da súa alma, aquecendo a flor e o espiño nas sombras da súa espera", retrataba Fernández del Riego.

Nas faíscas do soño (1972) é outro das súas obras destacadas, e nela "a creación simbolista chega a alcanzar unha embriaguez irracional e visionaria", engadía no mesmo libro de homenaxe a poeta e tamén académica Luz Pozo Garza. O máis interesante desta obra polo que respecta ao mundo seu poético, e que abre paso aos seguintes poemarios, é a aparición do ti nos poemas, "a segunda persoa á que o eu se refire continua e inevitablemente", salienta pola súa banda Xulio L. Valcárcel na antoloxía de Garcés que editou para Espiral Maior en 1998.

O académico correspondente, home polifacético, editou tamén dúas importantes achegas para a comprensión da poesía galega do segundo terzo do século XX: Poesía gallega contemporánea (1974) e Poesía gallega de postguerra (1939-1975). Súa é tamén a Antoloxía, estudio, selección e traducción dos poemas en lingua galega de Luis Pimentel, o prólogo e a tradución do libro de Manuel Antonio De catro a catro ou a Escolma de poemas de Aquilino Iglesias Alvariño.

O legado de Miguel González Garcés poderá percorrerse na exposición bibliográfica que se inaugura hoxe, ás 10.30 horas, na biblioteca coruñesa que leva o seu nome. A mostra xunta case medio cento de libros do autor, sobre todo de poesía, xunto a outros de historia e ensaio, porque González Garcés tamén foi un notable investigador da historia herculina, como queda reflectido en traballos como os que lles dedicou á Torre de Hércules, aos nomes das rúas da Cidade Vella ou aos xardíns. Completan a exposición case un cento de libros da súa colección sobre historia, arte ou literatura.