Tribuna

Medio home de sol

Acabo de facer unha enquisa en varias aldeas do Ribeiro de Miño que me decepcionou unha miguiña, filoloxicamente moito. Porque é na comarca do Ribeiro de Miño onde eu aprendín, de neno, este termo (medio home de sol) e outros da mesma familia léxica (un home de sol, medio home de sol, dous homes de sol…), que meu pai, que non tiña reloxo, como o resto dos campesiños, empregaba acotío.

Para entendermos a cuestión, cómpre partir de cal era a estatura media, no medio rural anterior a 1950, do home do país, do varón: un pouco máis de metro e medio. Era a estatura, máis ou menos, do meu propio pai, que tiña, no Ribeiro, sona (ben merecida) de campesiño moi traballador e, polo tanto, de madrugador. En efecto, erguíase antes de romper o día, de xeito que xa estaba no eido cando o sol aínda non alumbrigara. Pero meu pai algunha vez –ben poucas, por certo-, se pasara a noite con algunhas molestias, erguíase unha miguiña máis tarde, xa o sol quentando os bacelos e as hortas. Un deses días, en abril ou maio de 1938, acompañeino para bimar a viña do Souto, el cunha eixada e eu cun sacho. Antes de chegarmos ao eido, batemos cunha veciña, moi amiga da casa, a señora Gumersinda, quen, sorprendida, aínda que moi respectuosa, exclamou: "Ai, señor Benito, se non o vexo non o creo. Vostede, un dos homes máis traballadores da parroquia, hoxe, que logo fará moitísima calor, chega ao eido con dous homes de sol ou máis".

Meu pai non pasara moi ben a noite ou por mor do caldo, un pouco acedo, ou da bica cerella, que xa estaba moi taluda, como eu mesmo comprobara. Eu quedei pampo porque nunca oíra tal denominación, o que eu apoñía ó meu defectuoso galego de neno de nove anos que, catro ou cinco meses antes, residía en Vigo e tiña como lingua habitual e familiar o castelán.

Xa na casa, foi miña nai, a pedagoga da familia, quen me explicou que cando nace o sol, se entre este e o cumio da montaña por onde o astro aparece, hai, na nosa estimación, algo menos de dous metros, iso chámase "un home de sol". O mesmo que no abrente acontecía co solpor: medio home de sol, un home de sol, dous homes de sol…

Meu pai, que chegou ese día ao traballo con "dous homes de sol ou máis", como dixera, sorprendida, a señora Gumersinda, non perdeu o creto de home traballador: Érao, pero a sona tamén lle importaba. Debo aclarar que, na estimación moral do meu pai, a laboriosidade ocupaba un posto máximo. Meu pai sempre foi moi crítico cos preguiceiros, fosen folgazáns ou "nugallaus", que así se dicía no noso dialecto ribeirau.

O día 12 de novembro de 1991 publicou La Voz de Galicia un artigo titulado "Medio home de sol: hapax", do que eu era autor. Ninguén rexistrara antes esa expresión, nin sequera don Eladio Rodríguez González, o gran lexicógrafo do Ribeiro, pero do Ribeiro de Avia, comarca, segundo as miñas indagacións, allea –ou bastante allea- á curiosa denominación, inexistente noutros "dialectos" do galego e no resto das linguas románicas. De aí o orgullo dos ribeiraus de onte e a melancolía dos ribeiraus de hoxe e dos filólogos do mundo enteiro! Por iso doe tanto a súa perda, pero os campesiños de agora teñen todos reloxo.

Naquel artigo eu citaba un texto literario, esta cántiga: "Os señoritos da Vila / son xente de febra mol: / déitanse cando as galiñas / con medio home de sol". Fose quen fose o autor (algúns pensan que son eu), a peculiar expresión, nunca antes recolleita polos lexicógrafos antes de 1991, resulta que tiña presenza nun texto literario. Así pois, polo feito de figurar nun documento, nun só "documento", o termo "medio home de sol" constituía o que os filólogos chaman "hapax".

Apurando a erudición, aclarei que, antes de 1991, eu xa publicara un breve artigo co título "Home de sol" nun suplemento infantil de La Región, de Ourense, denominado Axóuxere, o 19 de outubro de 1974. Titulábase a sección que eu redactaba semanalmente "Escola de lingua galega", "cátedra" desde a que ofrecía breves leccións de idioma galego ó público infantil do xornal ourensán nun tempo, 1974, anterior á morte de Franco, no que a lingua galega non tiña, oficialmente, presenza escolar. Eu finalizaba a miña lección semanal cunha pregunta que era un rogo: "Rapaces: ¿Sabedes vós de algunha bisbarra, parroquia ou lugar onde se empregue semellante locución?". Non houbo respostas, mais cómpre sinalar que Axóuxere non tardou en desaparecer.