Marilar Aleixandre ingresa na RAG termando da paisaxe e da palabra

O respecto polo medio natural, a defensa da lingua e a ollada ao mundo coas lentes da xustiza social e do feminismo son constantes na vida e na obra de Marilar Aleixandre. E tamén son parte fundamental do ensaio co que ingresou hoxe oficialmente na Real Academia Galega, títulado Voces termando da paisaxe galega. A escritora, bióloga e catedrática de Didáctica de Ciencias Experimentais conciliou neste texto as ciencias e as letras para advertir que tanto a nosa paisaxe física como a inmaterial están ameazadas. Mais deixou espazo para a esperanza: é posible invertir a realidade e "termar da paisaxe", en toda a amplitude polisémica dos dous termos.

Marilar Aleixandre nun momento da súa intervención no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela. Autor: Xosé Castro


Fina Casalderrey foi a encargada de darlle a resposta en nome da RAG á nova académica numeraria nunha cerimonia solemne que tivo lugar no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, onde ensina e investiga como profesora da Facultade de Ciencias da Educación. Ademais de congregar a representantes das distintas institucións da vida cultural, política e cívica do país, o acto, conducido polo presidente Xesús Alonso Montero, foi seguido por moitas outras persoas que quixeron participar nesta sesión pública da RAG.

Marilar Aleixandre ocupa desde hoxe a cadeira que quedou vacante tras o pasamento de Xosé Neira Vilas. Na súa intervención non faltou unha homenaxe a quen sucede no posto, "unha honra e unha gran responsabilidade", e comprometeuse a se esforzar arreo en continuar o labor do autor de Memorias dun neno labrego. A nova académica salientou a afouteza desta novela, que leu por primeira vez nada máis instalarse, en 1973, en Vigo, porque rachou coas historias bucólicas sobre a vida nas aldeas e deu voz aos máis desfavorecidos, aos "ninguén". "Cómpre, benquerido Pepe, agradecerche que neste texto inaugural da literatura galega para nenos e nenas non falseases a realidade con azucre. Agasalláchesnos cunha chamada á rebeldía, a tomarmos partido contra o discurso da resignación e o medo. O discurso dos caladiños que mantén non haber nada que facer nin para defender a lingua galega, nin para defender os dereitos sociais, tan duramente conquistados", expresou a autora nun discurso acabado de escribir o día do primeiro cabodano do académico, o 27 de novembro de 2016.

A alocución arrincou e concluíu escoitando as "voces silenciadas" a través da historia de Dolores Blanco, redeira e dirixente do sindicato La Reivindicadora, que sobreviviu a un paseo en agosto de 1936. Historias coma a súa pertencen á "paisaxe invisíbel que tamén forma parte do país", esa "paisaxe soñada" por persoas coma ela que loitaron pola xustiza social, valorou rematando cunha chamada a "termar da memoria, termar dos nomes" e "exercer a resistencia".


O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, entrégalle o diploma de académica de número a Marilar Aleixandre


Marilar Aleixandre entra na Academia (con sede na que foi casa de Emilia Pardo Bazán) reivindicando tamén a pertenza "á estirpe das que Rosalía de Castro chamou as literatas". "De Rosalía e de Emilia herdo o feminismo, a convicción de que as mulleres podemos acadar todo, unha idea expresada poeticamente no discurso de ingreso de Xohana Torres, Eu tamén navegar, e nos seus poemas", declarou. Por iso advertiu que, malia sermos unha literatura que agroma dunha nai fundadora, "as institucións do noso país están demorando en recoñecer as mulleres hai tempo a exerceren como intelectuais".

Antes de profundar nas voces que terman da paisaxe, quixo recordar por último como naceu por "segunda vez" na primavera da Revolución dos Caraveis, en 1974, cando iniciou a súa inmersión en galego. Ademais da obras de Xosé Neira Vilas que lera meses antes, entre os libros que coñeceu daquela na súa nova lingua figuran as primeiras obras para o público infantil de Carlos Casares, para quen tivo tamén palabras de afecto. "É unha ledicia que o ano do meu ingreso sexa o Ano Casares, de quen admiro a solidez narrativa, a engaiolante conversa e o seu interese por articular ciencias e letras na cultura galega".

Voces termando da paisaxe galega
"A reflexión sobre a paisaxe articula dúas voces que compiten en min, en nós, mythos e logos, razón e emoción, ciencias e letras. A observadora e o observado. Pretendo hoxe dar palabra ás voces que terman da paisaxe galega. Escoitar tanto a materia prima, en linguaxe científica, como ás da ollada literaria", avanzou Marilar Aleixandre. Para cumprir co propósito, empregou como ganduxo versos propios e prestados dunha morea de autores e autoras, desde a fundacional Rosalía de Castro ata as voces máis novas, como María Lado ou María do Cebreiro, e referencias aos estudos científicos de autores e autoras de Galicia e outros lugares, entre eles académicos históricos e actuais.

A voz das rochas; da auga, con atención á voz do mar; da fervenza do río Xallas, da lagoa de Antela; valados e sebes, rodeiras e aldeas, "as puntadas que sustentan a paisaxe"; ou as plantas ventureiras fixéronse oír desta maneira científica e asemade literaria no paraninfo da USC xunto á lingua e a toponimia, a voz das mulleres e esoutra "paisaxe soñada" pero esencial que ilustrou coa loita da sindicalista Dolores Blanco.

Marilar Aleixandre invocou o xeólogo Isidro Parga Pondal e o seu discurso de ingreso, en 1960, na RAG, e advertiu que o patrimonio xeolóxico galego que el cartografou segue suxeito a ameazas, "tanto para as rochas como para os solos ou as paisaxes singulares". Os cantís do Pindo, os montes de Porriño trabados para extraer granito; as "paisaxes mutiladas de Valdeorras" polas canteiras a ceo aberto de lousa, ou a Cova de Eirós, na que conflúen valores xeolóxicos, paleontolóxicos e arqueolóxicos, mais "en risco" pola explotación da pedra calcaria situada sobre ela, son parte dos primeiros espazos que percorreu antes de se mergullar nas "voces amordazadas da agua".

A despedida a ríos e fontes que Rosalía puxo no século XIX na boca de quen emigra adquire hoxe outro significado por trazos irrevogábeis, alertou en referencia aos diversos factores que amezan espazos acuáticos, entre os que destacou os efectos que tería o proxecto de construción da autovía A-76 no Canón do Sil, a canalización da fervenza do Xallas, a única desembocadura en cachoeira de Europa, ou o desecamento da lagoa de Antela. Por iso reclamou "o empeño de todo o país" para que non continúe "o silencio da auga" do que se laiou Manuel María no seu poema sobre o río Miño e "harmonizar o aproveitamento de recursos naturais co respecto a paisaxes únicas".

De igual xeito, chamou a termar do mar como este merece nun país que tanto depende del, un mar "unha e outra vez ferido pola gadoupa da marea negra", mais tamén canteira de poetas como o Batallón Literario da Costa da Morte, colectivo sen o que, confesou Marilar Aleixandre, probablemente non tería percorrido o camiño da narrativa á poesía.

A toponimia e a microtoponimia conforman outro patrimonio colectivo en risco que chamou a protexer. Nun país con máis de 400.000 nomes de lugares rexistrados (calcúlase que poden existir cerca de dous millóns), a "esperanza" para termar dos nomes e coñecer a paisaxe está -continuou- no traballo de estudosos nesta materia, na mocidade e na recolleita de topónimos desenvolvida polos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros do ensino. Outra fonte de esperanza é o exemplo das plantas ventureiras, das que "debemos aprender a resistencia", esa mesma resistencia que amosa a lingua galega nas rúas "pois hai xente nova termando dela".

A voz das mulleres e do feminismo
O discurso de Marilar Aleixandre detense na mirada de xénero. A pegada humana que transforma o territorio en paisaxe foi entendida como a masculina, e nela as mulleres foron durante moito tempo parte invisíbel da paisaxe ou meros obxectos de estereotipos. "Os textos galegos clásicos non se subtraen desta ollada", analizou a académica recordando que, aínda que hoxe sorprenda, "a relevancia política da obra rosaliá foi ignorada ou ocultada até os anos 1980". Fronte a esta visión tradicional e de ideoloxía patriarcal, "o feminismo crea unha nova paisaxe galega, onde as mulleres ocupan o seu lugar". "E as poetas galegas son conscientes das nosas paisaxes estaren ameazadas, vencellando explicitamente en moitos casos a degradación da natureza coa opresión das mulleres, a defensa da natureza co feminismo", conclúe.

Resposta de Fina Casalderrey
A perspectiva de xénero tampouco faltou na resposta ao discurso de Marilar Aleixandre por parte de Fina Casalderrey, quen lembrou que é a sétima muller en tomar posesión como académica de número da RAG. "Coa súa incorporación, refórzase a potencia intelectual da Academia como grupo", salientou a encargada de lle dar a benvida á que é "unha desas voces libres que terman da paisaxe galega". "Marilar chega á Academia con cestos ateigados de ideas, de palabras descarreiradas coas que nomear os animais e as plantas todas, dende as que se refiren aos seres máis aparentemente insignificantes que pululan ao noso redor e que nos pasan desapercibidos, ata os que asoman por primeira vez. Son palabras que traerá escollidas, limpas. Talvez silenciadas ou discriminadas e que, como bióloga e literata atenta a poñerlle nome a todo o que respira, esixa rescatarmos", engadiu.


Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, encargada de darlle resposta ao discurso da nova académica de número.


Fina Casalderrey trazou un amplo percorrido biográfico, temporal e espacial, da protagonista da cerimonia: a infancia entre o seu Madrid natal, Ceuta ou Dona Mencía, na serra cordobesa; a chegada como profesora de Bioloxía, nos anos setenta, ao Instituto do Calvario de Vigo, onde iniciou a inmersión no galego e foi pioneira no ensino das ciencias na lingua do país; Toba (Cee), "a terra do seu compañeiro de camiño" e onde "alimenta parte da súa imaxinería literaria"; ou a vida xa establecida en Santiago de Compostela, onde é catedrática da USC.

Ademais de "exemplo de constancia e competencia", Marilar Aleixandre "é muller decidida, reivindicativa e comprometida con esa rebeldía que foxe da rutina para desmentir a primavera", retratou. Un "océano inabarcable" non só porque en pouco tempo, tras o seu debut literario en 1989, publicou libros esenciais na súa traxectoria, premiados e moi lidos, senón pola "impresionante fervenza de títulos e xéneros" onde aos traballos literarios se suman os relacionados coa investigación no mundo da didáctica das ciencias.

Pode descargar o discurso de ingreso na RAG de Marilar Aleixandre e a resposta de Fina Casalderrey nesta ligazón.

Biografía de Marilar Aleixandre.