Marilar Aleixandre gaña o XXXIX Premio Eduardo Blanco Amor con 'As malas mulleres'

Marilar Aleixandre é a gañadora do XXXIX Premio Eduardo Blanco Amor coa obra As malas mulleres. O xurado, reunido o pasado sábado 28 de novembro, escolleu entre un total de trinta e dous títulos presentados ao certame a novela da académica de número, unha historia protagonizada por Sisca, unha rapaza de quince anos que está no cárcere, e por Juana de Vega (1805-1872) e Concepción Arenal (1820-1893).
Marilar Aleixandre. Fonte: RAG

O xurado do galardón, organizado pola Deputación de Ourense coa colaboración da Fundación Eduardo Blanco Amor, estivo composto nesta edición por Luís González Tosar, María Canosa, Avelina Rodríguez, Luciano Rodríguez e Xan Carballa. N'As malas mulleres, Marilar Aleixandre, salientan, "incorpora con habelencia elementos poéticos que reforzan unha trama ben estruturada e compensada que enriquece o relato", e recoñece o labor de Concepción Arenal, visitadora de prisións, e de Juana de Vega para mellorar a situación das presas. A entrega do premio celebrarase no pazo da Deputación de Ourense o 1 de decembro, cadrando co 41 cabodano de Eduardo Blanco Amor.

Marilar Aleixandre é bióloga, catedrática ad honorem de Didáctica das Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela e escritora. Como creadora literaria, colleitou numerosos premios e viu traducida a súa obra ao portugués, castelán, chinés, catalán ou éuscaro, e tamén recollida en antoloxías en inglés.

Os membros do xurado reuníronse no centro cultural Marcos Valcárcel. Fonte. Deputación de Ourense