Marilar Aleixandre gaña o XI Premio Raíña Lupa coa novela 'A filla do Minotauro'

Marilar Aleixandre é a gañadora do premio Raíña Lupa na súa úndecima edición. A escritora e académica de número fíxose con este galardón convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña coa novela A filla do minotauro, coa que se converte na primeira muller en ser recoñecida neste certame de literatura infantil e xuvenil. A obra, destaca o xurado, é "unha relectura moi actual da mitoloxía grega cunha gran sensibilidade co patrimonio cultural".
Marilar Aleixandre

A filla do minotauro conta unha historia de aventuras sobre unha organización clandestina creada para salvar obras de arte. A través dela pódense facer "moitos niveis de lectura", expresa o xurado, que destaca a "calidade literaria da obra" premiada nunha convocatoria cun "alto nivel" á que concorreron 48 títulos, case o dobre que o ano pasado.

O premio, ademais da dotación económica, implica publicación desta nova novela de Marilar Aleixandre. O outro texto finalista, arredor do acoso escolar, é Como bágoas de dragón de Andrea Maceiras, cuxa publicación recomenda o xurado.

Nas edicións anteriores gañaron o premio Raíña Lupa Héctor Cajaraville, Xesús Fraga, Marcos Calveiro, Carlos López, Antonio Yáñez, Breogán Riveiro, Xosé A. Neira Cruz, Antonio Reigosa, Mario Pereira e Agustín Fernández Paz.