María Pita prepárase para o 50 aniversario do Día das Letras Galegas

O acto Cincuenta Voces, que se celebrará na coruñesa praza de María Pita o vindeiro sábado ás 18 horas, conmemora as 50 figuras homenaxeadas na historia do Día das Letras Galegas.

A Banda Municipal da Coruña dará comezo ao acto interpretando tres pezas de distinto xénero: Unha noite na eira do trigo, Negra Sombra e Brincadeira. Deseguido, o secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos, presentará o programa desta celebración e, ao seu remate, o alcalde do Concello da Coruña, Carlos Negreira Souto, saudará ás autoridades e ao público presente, dándolles a benvida.

Tras a apertura, a palabra das cincuenta figuras homenaxeadas na historia do Día das Letras Galegas poderá escoitarse na voz dos alcaldes ou representantes dos concellos que as acolleron. Ao tempo que as palabras de Rosalía de Castro, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Manuel Murguía, María Mariño ou Valentín Paz Andrade resoan na praza de María Pita, mocidade chegada de distintos lugares da xeografía galega homenaxearán os nosos escritores nun acto ritual. Desde Padrón chegarán pétalos de flores apañados na horta de Rosalía de Castro; de Pontecese recibirase arume arpado recollido a carón da casa de Eduardo Pondal; de Celanova achegarase terra da horta de Curros Enríquez; de Cambados traerán area recollida xunto á casa de Ramón Cabanillas; de Rianxo virán con auga do mar de Castelao, Dieste e Manuel Antonio; de Mondoñedo achegarán auga da Fonte Vella de Álvaro Cunqueiro e, por último, desde Courel recibiranse herbas apañadas onda a casa de Uxío Novoneyra.

A continuación, escoitaremos A lenda de Montelongo e, ao remate da peza, intervirá o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín.

Pechará o acto o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e, a xeito de colofón, poderase escoitar o Himno Galego interpretado pola Banda Muncipal do Concello da Coruña.