María do Cebreiro sobre Vidal Bolaño

Poeta, profesora e teórica da literatura, María do Cebreiro Rábade Villar (Santiago de Compostela 1976) é tamén especialista en estudos rosalianos. Nas súas respostas ao Cuestionario Vidal Bolaño salienta a influencia da poeta de Padrón no dramaturgo santiagués.
María do Cebreiro Rábade Villar
María do Cebreiro Rábade Villar

Que características definen a obra de Vidal Bolaño?
Era un home que coñecía a escena en todas as súas dimensións. Foi sobre todo director e autor dramático, mais tamén actor, escenógrafo ou iluminador. Pode decirse que era el mesmo teatro. E sendo o teatro unha arte por definición comunitaria, Vidal Bolaño axudou a proxectar socialmente e cunha potencia inusual o cerne da cultura galega tal e como el o intuía e o soñaba. Por iso a súa personalidade teatral implica o dominio dunha habelenza inusual, que se dá, na mesma medida, en autores como Manuel Lourenzo ou Quico Cadaval. Refírome ao talento de aplicar a capacidade inventiva ao coñecemento da tradición. Se non hai imaxinación, a procura da raíz devén arqueoloxía. Se non hai raíz, a imaxinación pode devir quimera. O teatro de Vidal Bolaño foi tamén nisto pioneiro, pois traballou para o teatro galego desde chaves antropolóxicas mesmo antes de que ese paradigma se impuxese no teatro global.

Que importancia tivo a súa figura -como autor, director e actor- na constitución do teatro galego moderno?
El mesmo indicou dun xeito moi lúcido que "non hai un teatro galego, senón moitos". Por iso resulta tan meritorio que haxa un consenso social, tan absoluto como merecido, en torno á relevancia da súa figura na configuración da escena teatral contemporánea.

Entre outras cualidades quizais máis aparentes eu quixera referirme á do seu fino olfacto dramático. Un indicio desta cualidade é o feito de que participase na concepción e representación de pezas do teatro internacional que conforman o canon moderno das representacións teatrais en Galicia. Non parece casual, a este respecto, que Salomé de Wilde (en 1989, en colaboración con John Eastham) ou a Ópera de a patacón de Brecht (en 1994), voltasen á escena en novas adaptacións nos últimos anos.

Tamén resulta moi significativo que fose o encargado de estrear por primeira vez dúas obras teatrais de Otero Pedrayo. Calquera adaptación da obra dramática de Otero comporta un exercicio moi arriscado. Sobre todo porque, como o mesmo Vidal Bolaño salientou, implica "traducila en termos escénicos coa grandura, a ironía e o alento épico cos que el a ensoñou". Da práctica escénica do autor dedúcese, ademais, un talento crítico inusual, que el foi espallando en marginalia como aquela na que equipara o teatro de Otero co Fausto de Goethe ou coas Tentacións de Santo Antón de Flaubert, obras que cunha iluminadora metáfora cualificou de "catedrais do teatro imposible".

Non deixa de ser unha feliz coincidencia que o ano no que homenaxeamos a intensa produción teatral de Vidal Bolaño, significativamente puntuada pola obra de Rosalía de Castro (na adaptación da obra homónima de Otero, mais tamén na polémica e incomprendida Agasallo de sombras), esteamos a conmemorar tamén os 150 anos da publicación dos Cantares gallegos.

Que vixencia conserva a súa obra no contexto actual?
Creo que máis que a literalidade da súa obra o que permanece é a súa actitude e a súa concepción do teatro galego como arte integral, ligada á sociedade, á cultura e á vida. Mais como indicio do moito que queda por facer (pois toda herdanza é tamén unha débeda) quixera rematar esta reflexión cunhas palabras do propio autor, referidas á obra teatral de Don Ramón Otero Pedrayo e publicadas como pórtico ao texto da súa adaptación de Rosalía: "A traxedia histórica, irreversible xa, que supuxo que un teatro así, non poidese ser confrontado co público dende esa realidade última que é o escenario, en vida de quen foron quen de o ensoñar e concebir, non debera repetirse. E que esa realidade se dera, non debera alimentar a falsa idea de que ese mesmo teatro, ou un de semellante ambición, non é, non só posible, senón necesario e imprescindible, hoxe e aquí".